La Xunta reivindica Galicia como una comunidad energética que quiere aprovechar esta condición en beneficio de la industria y las familias
O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, inaugurou hoxe a segunda edición das xornadas Energy Days, organizadas polo clúster das Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal)
Considera que “os proxectos de xeración de enerxía a partir de fontes renovables teñen que desempeñar un papel fundamental, xa que contribúen á descarbonización, axudan á electrificación da economía e permiten reducir o prezo enerxético”
”As enerxías renovables atraen industria”, subliña
Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2025
O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, reivindicou hoxe Galicia como unha comunidade enerxética que quere aproveitar esta condición en beneficio da industria e as familias para abaratarlles o custo da factura eléctrica.
Vázquez participou hoxe na inauguración da segunda edición das xornadas Energy Days, organizadas polo clúster das Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal), onde avogou por seguir avanzando no despregamento das enerxías limpas. “Os proxectos de xeración de enerxía a partir de fontes renovables teñen que desempeñar un papel fundamental, xa que contribúen á descarbonización, axudan á electrificación da economía e permiten reducir o prezo enerxético”, dixo.
“As enerxías renovables atraen industria -subliñou-, porque o sector industrial precisa enerxía limpa para alcanzar os obxectivos de descarbonización que lles exixe a normativa e demandan os cidadáns”.
O secretario xeral de Industria, referiuse á Lei de recursos naturais como marco para aproveitar o potencial eólico de Galicia, a súa capacidade de xeración hidroeléctrica e de novos vectores enerxéticos como o hidróxeno renovable e, tamén, os recursos mineiros dos que dispón, buscando que iso xere un retorno en termos de riqueza e emprego.
“As industrias hoxe en día precisan enerxía verde -afirmou-, e temos que saber dar resposta a esa demanda baixo dúas premisas: co máximo respecto ao medio ambiente e facendo que a instalación de calquera proxecto implique beneficios sociais e económicos na contorna onde se asentan”, concluíu.