La Xunta se va a personar ante el Constitucional frente a los recursos del Gobierno central contra la homologación de la discapacidad para las personas dependientes y la repotenciación de los parques eólicos

La Xunta se va a personar ante el Constitucional frente a los recursos del Gobierno central contra la homologación de la discapacidad para las personas dependientes y la repotenciación de los parques eólicos

Rueda denuncia que a paralización das medidas da Xunta é “inxusta e contraproducente”

O Executivo central suspende o modelo galego de simplificación dos trámites da discapacidade e da dependencia, que por outra parte pretende copiar a nivel estatal o que só se explica por un afán recadatorio, pois deixou de recibir 114 M€ durante o 2025 en Galicia

O recurso tamén impedirá, de momento, que os 16 parques susceptibles de seren repotenciados en Galicia pasen de ter 572 a 112 muíños (un 80% menos)

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Executivo autonómico vai personarse ante o Tribunal Constitucional para defender a posición da comunidade galega fronte ao recurso de inconstitucionalidade do Goberno central contra diversos preceptos da Lei de acompañamento aos orzamentos de Galicia de 2025. Unha actuación que supón a paralización do Plan de axilización da dependencia e da discapacidade, así como do Plan de repotenciación da enerxía eólica impulsados polo Goberno galego, algo que cualificou de “inxusto, contraproducente e prexudicial”.

No que atinxe ao recurso contra as homologacións automáticas de dependencia e discapacidade, este ten como consecuencia inmediata a suspensión do Plan de choque posto en marcha hai un ano pola Xunta de Galicia, co que se estaba a conseguir o dobre obxectivo para o que se deseñou: incrementar o número de persoas atendidas e facelo no menor tempo posible.

De feito, tal e como lembrou Rueda, “máis de 12.600 galegos con dependencia” obtiveron nos últimos doce meses o recoñecemento da discapacidade sen necesidade de someterse a unha nova valoración. O recurso do Executivo de Pedro Sánchez pon fin a este mecanismo, polo que a Administración autonómica xa non poderá seguir homologando automaticamente a discapacidade ás persoas que xa teñan a dependencia, a pesar de terse amplamente comprobado que existe unha relación directa entre o grao de dependencia e a porcentaxe de discapacidade.

Así pois, a actuación do Goberno central supón un paso atrás na axilización e mellora da atención, pois deixa sen efecto as medidas de simplificación dos procedementos introducidos pola Xunta e volve a unha burocracia máis complexa. Isto incide directamente nos dependentes galegos en forma de atrasos, máis atrancos burocráticos e demora na resposta.

A Xunta considera contraditorio este recurso cando o propio Executivo central decidiu copiar case ao completo o modelo galego, como se pode comprobar na súa proposta de modificación da Lei de Dependencia, que está en fase de tramitación parlamentaria. Por iso, a Xunta apunta que son motivos de recadación os que explican esta actuación por parte do Goberno de Pedro Sánchez, pois con esta simplificación dos trámites deixou de recadar 114 millóns de euros durante o ano pasado en Galicia.

Resultados do plan galego

O Plan de choque da Xunta amosa no seu primeiro ano de vixencia uns resultados moi positivos, con 86.319 expedientes de dependencia e discapacidade resoltos de maneira favorable, case o dobre que en todo 2024. Destas resolucións, un total de 12.626 foron por homologación automática. Ademais, reducíronse os tempos de espera en dous meses, mentres que aumentan no resto de España.

A Xunta advirte do impacto nefasto do recurso do Goberno central na atención á dependencia e á discapacidade, e pídelle un cambio de actitude e un maior compromiso nesta materia. Ao respecto, lembra que o Executivo segue sen cumprir coa Lei de Dependencia e non só está moi lonxe de asumir o 50% do custo dos servizos e prestacións que esixe a norma, senón que cada ano reduce a súa achega.

Este déficit no financiamento está a carrexar unha importante débeda con Galicia, que neste 2026 chegará aos 2.900 millóns de euros. A Xunta demanda para Galicia o mesmo compromiso que o Executivo de Pedro Sánchez ten con outros gobernos autonómicos como o do País Vasco, co que acordou unilateralmente financiar a partes iguais a dependencia (50%-50%), o que na práctica supón xerar dependentes de primeira e dependentes de segunda.

Repotenciacións

Con respecto á repotenciación de parques eólicos, recollida tamén na Lei de acompañamento dos Orzamentos de 2025 e recorrida polo Goberno, Rueda explicou que a medida que introduciu a Xunta, e que agora se paraliza supoñía, a obrigatoriedade de reducir o número de aeroxeradores e substituílos por outros máis modernos e potentes, no caso dos parques de máis de 25 anos.

En Galicia hai 16 parques eólicos nesta situación, que aínda non comezaron a repotenciación de xeito voluntario. En consecuencia, a suspensión desta medida abortará, de momento, que estes 16 parques “pasen de ter 572 a 112 muíños (un 80% menos)”; e que eleven a súa potencia instalada de 1.104 a 1.524 megavatios (un 38% máis).

 

Últimas noticias