La Xunta señala la descarbonización del transporte como uno de los retos fundamentales para alcanzar una sociedad climáticamente neutra
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, clausurou esta mañá a xornada O latexo da enerxía do mañá onde puxo en valor as medidas adoptadas pola Administración galega para incentivar o vehículo eléctrico
O Porriño (Pontevedra), 13 de novembro de 2025
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, asegurou esta mañá que os avances no proceso de transición enerxética cara unha economía neutra en emisións de CO2 esixen un incremento na xeración de enerxía a partir de fontes de orixe renovable. Especialmente nos eidos da industria, a construción e o transporte, un sector – dixo deste último – “historicamente vinculado ao uso de combustibles fósiles polo que a súa descarbonización representa un dos retos cruciais para reducir as emisións de efecto invernadoiro”.
Fernández Vila realizou estas declaracións no transcurso da clausura da xornada O latexo da enerxía do mañá, que xirou ao redor da mobilidade sostible e na que o director xeral puxo en valor as medidas adoptadas polo Goberno galego para incentivar o vehículo eléctrico e que están recollidos tanto na Axenda Enerxética de Galicia 2030 como na Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia. E, citou, a modo de exemplo, o compromiso da Administración galega de dar prioridade á tramitación administrativa e reducir á metade os prazos en proxectos relacionados con infraestruturas de recarga eléctrica e de hidróxeno para vehículos, así como para as necesarias ampliacións e reforzos na rede de distribución, asumindo un claro compromiso tamén a nivel administrativo coa mobilidade sustentable.
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas tamén destacou o apoio do Goberno galego a través do Plan director da automoción, unha ferramenta estratéxica para incrementar a competitividade dun sector ao que a Xunta ten previsto destinar máis de 230 millóns de euros ata o ano 2027. Estes apoios compleméntanse con programas como Renova a teu vehículo, sucesor do Plan de transición a unha mobilidade eficiente e do que se tramitaron tres convocatorias nos últimos anos. Nesta edición, a iniciativa, que se caracteriza por promover a compra de vehículos menos contaminantes e por un desconto directo na factura, volveu ser todo un éxito.
Finalmente, Fernández Vila se referiu ao Plan Moves que impulsa o Goberno central, ao que reclamou que na nova convocatoria, que se agarda para o vindeiro ano, se reduza a burocracia e se atendan realmente as necesidades de mobilidade eficiente, e así tamén se axilice a implantación de infraestruturas de recarga.