La Xunta somete la información pública el proyecto para la construcción de una planta de hidrógeno verde promovida por Accionaplug en Arteixo

Cun investimento de 49,3 millóns de euros e a previsión de crear 25 empregos directos na fase de operacións, Arteixo H2V ocupará seis parcelas do Parque de Actividades Económicas de Arteixo (ACTECA), no polígono de Morás
Este é un dos 14 proxectos industriais declarados estratéxicos pola Xunta; un deles, a planta de metanol verde en Mugardos de Forestal del Atlántico en Mugardos (A Coruña) xa aprobado como tal
Santiago de Compostela, 24 de abril de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se somete a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada (AAI), o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto para a construción dunha planta de produción, almacenamento e distribución de hidróxeno verde en Arteixo (A Coruña), promovido por Accionaplug, S.L., que a Xunta declarou proxecto industrial estratéxico.
Cun investimento de 49,3 millóns de euros e a previsión de crear 25 empregos directos na fase de operacións, Arteixo H2V ocupará seis parcelas do Parque de Actividades Económicas de Arteixo (ACTECA), no polígono de Morás, nunha superficie total de máis de 20.900 m².
As principais instalacións coas que contará a planta serán as de produción, almacenamento, compresión e dispensado de hidróxeno; unha subestación eléctrica e unha liña de 66kV que a conectará coa subestación SET Morás, situada no mesmo parque empresarial. Estará composta por catro módulos de electrolizadores de 5 MW cada un, onde se producirá o hidróxeno, así como de equipos auxiliares que permiten o seu almacenamento e distribución.
Empregará enerxía de orixe totalmente renovable procedente da propia rede eléctrica a través dun acordo de compra de enerxía (PPA) que contará con certificados que así o acrediten. A planta contará cun electrolizador de 20 MW que terá unha capacidade produtiva efectiva media de 2.990 toneladas de hidróxeno verde ao ano. Neste sentido, establecéronse acordos para a subministración de hidróxeno renovable aos consumidores locais, que contribuirán á descarbonización de sectores fundamentais na transición enerxética, como o transporte de mercadorías pesadas e a industria.
A planta Arteixo H2V foi declarada proxecto industrial estratéxico en setembro do pasado ano porque, entre outros requisitos, supera o investimento mínimo de 20 millóns de euros e contribúe a completar as cadeas de valor que pertenzan a sectores considerados estratéxicos e que estean aliñados cos obxectivos da Unión Europea ou que se integren no financiamento do instrumento temporal de recuperación europea Next Generation EU.
Simultaneamente ao trámite de información pública, a Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético efectuará a petición de todos os informes ás administracións e órganos sectoriais afectados, tanto os exixidos pola normativa reguladora da autorización sectorial como aos efectos da tramitación ambiental. Finalizada esta tramitación, a conselleira de Economía e Industria, previo informe da Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo, elevará o expediente ao Consello da Xunta, que decidirá se procede a aprobación do proxecto industrial estratéxico.
Este é un dos 14 proxectos industriais declarados estratéxicos pola Xunta; un deles, a planta de metanol verde en Mugardos de Forestal del Atlántico en Mugardos (A Coruña) xa aprobado como tal. Os restantes son: o centro de produción de hidróxeno verde promovido por Reganosa e EDP Renovables nas Pontes; a fábrica de pneumáticos de Sentury Tire, tamén neste concello da Coruña; a de fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei (Lugo); a planta de biofibra reciclada de Ence nas Pontes; a de hidróxeno renovable de Naturgy, Repsol e Reganosa en Cerceda (Coruña); a factoría de envasado e manipulación de peixe proxectada por Stolt Sea Farm en Rianxo (A Coruña); a de extracción de cobre nos concellos do Pino e Touro promovida por Cobre San Rafael; o centro de procesamento de datos de Galicia Green Data Center en Curtis (A Coruña); a planta de conversión de madeira en carbón vexetal que Xallas Electricidad y Aleaciones prevé instalar en Dumbría (A Coruña); a nova terminal de bitumen de Betunes Gallegos en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra); a planta de biometano de Norbiogás en Curtis e as novas instalacións de Congalsa para procesado de peixe na Pobra do Caramiñal (A Coruña).