La Xunta subraya el papel esencial que va a jugar la minería en el desarrollo económico de una Galicia verde, sustentable y descarbonizada
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, inaugurou a Asemblea Xeral Ordinaria da Cámara Oficial Mineira de Galicia
Destaca a oportunidade histórica que vai atravesar o sector na Comunidade galega, na que se levan identificado 18 das 34 materias primas críticas definidas pola Unión Europea
Apunta á sustentabilidade, á atracción de talento e á axilidade administrativa como os grandes desafíos aos que vai facer fronte a industria mineira de Galicia nos vindeiros anos
A Coruña, 9 de abril de 2026
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, subliñou esta mañá o importante papel que vai xogar a minería galega no desenvolvemento económico de Galicia. “Se queremos descarbonizar a economía galega, avanzar na implantación do vehículo eléctrico e situarnos á vangarda da tecnoloxía, non podemos opoñernos á minaría” – apuntou ao tempo que asegurou que “somos o punto de partida da Europa verde porque temos os minerais, temos o coñecemento e a responsabilidade de facelo ben e por iso estamos traballando para que o noso potencial mineiro se traduza en progreso e benestar”.
Fernández Vila participou hoxe na inauguración da Asemblea Xeral Ordinaria da Cámara Oficial Mineira de Galicia, que tivo lugar na Coruña, onde lembrou que Galicia é unha potencia mineira. “Lideramos a produción nacional de lousa, granito e minerais industriais – destacou – e atesouramos 18 das 34 materias primas críticas definidas pola Unión Europea como o litio, o cobre ou o volframio pero temos que decidir se queremos ser protagonista ou simples espectadores”.
Neste punto, o director xeral apuntou que ante este escenario, o sector mineiro galego ten por diante importantes desafíos. O primeiro ao que se referiu foi á sustentabilidade. “Hoxe o futuro do sector pasa pola minaría circular e a restauración progresiva. A sustentabilidade non é unha opción, é a nosa obriga moral coa sociedade, un impulso á competitividade e o camiño para desenvolver proxectos en Galicia”, asegurou.
O segundo reto ao que aludiu é a necesidade de atraer talento e incorporar a innovación aos procesos produtivos. E, finalmente, Fernández Vila chamou a atención sobre a necesidade de axilizar as tramitacións administrativas sen rebaixar a exixencia ambiental e a seguridade xurídica. “Unha labor na estamos traballando na Administración galega, porque a burocracia non pode ser un freo ao desenvolvemento de ningún proxecto que poida xerar riqueza e emprego no territorio”.
Finalmente, Pablo Fernández Vila agradeceu á Cámara Oficial Mineira de Galicia o labor realizado nestes anos e trasladoulles os parabéns do Goberno galego por eses máis de cen anos de traballo a prol do desenvolvemento da industria mineira na comunidade.