La Xunta subraya que los certificados de ahorro energético ya permitieron ingresar a la industria gallega 50 M€ por la venta del ahorro generado

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, inaugurou a xornada Certificados de Aforro Enerxético (CAE)
Insiste en que este sistema representa unha oportunidade crucial para acelerar a descarbonización
Explica que os CAEs incentivan o investimento en tecnoloxías eficientes, reducen custos para os consumidores, fomentan a innovación, e xeran beneficios económicos e sociais
Santiago de Compostela, 14 de maio de 2025
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, subliñou hoxe que os Certificados de Aforro Enerxético (CAEs) xa permitiron á industria galega obter 50 millóns de euros pola venda dos aforros xerados grazas ao sistema CAE.
Fernández Vila inaugurou en Santiago a xornada Certificados de Aforro Enerxético (CAE) onde asegurou que este sistema representa unha oportunidade crucial para acelerar a descarbonización e consolidar as empresas nunha posición de liderado desde o punto de vista da sustentabilidade e da competitividade.
O Certificado de Aforro Enerxético é un documento electrónico que acredita a consecución dun aforro no consumo de enerxía final logo da implantación de proxectos ou medidas de eficiencia enerxética. Segundo explicou o director, o obxectivo é incentivar o investimento en tecnoloxías eficientes, reducir os custes para os consumidores, fomentar a innovación, e xerar beneficios sociais e económicos ao permitir o intercambio de eficiencia por diñeiro e promover un sector empresarial máis competitivo.
Finalmente, Pablo Fernández Vila destacou que os bos datos rexistrados durante o ano 2024 respecto dos CAE solicitados, son unha boa mostra do compromiso do tecido industrial e da cidadanía galega coas políticas de eficiencia enerxética e sitúan á Comunidade como a segunda rexión en termos de aforro certificado, cun total de 422 GWh e 67 actuacións solicitadas. Ademais, engadiu, nos tres primeiros meses de 2025 “xa levamos 93 actuacións cun aforro enerxético de 470 GWh co que vemos un crecemento case exponencial e unha oportunidade para as empresas que están expostas a un mercado moi competitivo”, dixo.