Lorenzana critica que el Gobierno apruebe la Ley de industria aisladamente de la política energética

Lorenzana critica que el Gobierno apruebe la Ley de industria aisladamente de la política energética

“Chama a atención que hoxe se diga que se vai aprobar un proxecto de Lei de industria que pretende favorecer esa autonomía industrial en España cando unha das cuestións fundamentais para que a industria sexa autónoma e consiga ser estratéxica dentro de Europa é precisamente a baixada dos custos enerxéticos, no que non está traballando para nada o Ministerio”, di

Considera “crucial” que se celebre a Mesa de Alcoa e volve pedir que o Goberno  tome en serio os traballadores e a industria galega, acometa medidas de baixada dos prezos enerxéticos e traballe coas compensacións de CO² como noutros países europeos

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, considerou “absolutamente dramático” que o Goberno central aprobe no Consello de Ministros de hoxe un proxecto de Lei de industria e autonomía estratéxica “illadamente da parte enerxética”.

“Chama a atención que hoxe se diga que se vai aprobar un proxecto de Lei de industria que pretende favorecer esa autonomía industrial en España cando unha das cuestións fundamentais para que a industria sexa autónoma e consiga ser estratéxica dentro de Europa é precisamente a baixada dos custos enerxéticos, no que non está traballando para nada o Ministerio”, argumentou.

Lorenzana indicou que esta é unha cuestión na que Galicia xa leva avanzado, así como en solicitar que se cualifiquen determinados proxectos singulares como estratéxicos para o país. Considerou, nesta liña, que a industria ten “moi pouco peso” no Goberno ao estar o Ministerio de Industria e Turismo “absolutamente supeditado á Vicepresidencia para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico”, polo cal “ten agora mesmo moi pouca practicidade nas cuestións que poida regular”.

Abandono de Alcoa

“Pode darse toda a pompa que se queira a unha lei, pero, desde logo, as industrias en Galicia están por atender por parte do Ministerio”, dixo, e puxo como exemplo a situación da planta de Alcoa en San Cibrao logo da suspensión da reunión prevista para esta mesma semana.

“É vergoñento que o Ministerio de Industria e o Goberno central estean tratando así ás mais de 1.000 familias que dependen de Alcoa. Reclamamos unha vez máis que é crucial que se leve a cabo esa mesa” que a Xunta leva solicitando desde setembro, lembrou. “É unha falta de respecto absoluto cara aos traballadores”, enfatizou.

Lorenzana urxiu a “que o Estado tome en serio os traballadores e a industria galega, se acometan medidas de baixada dos prezos enerxéticos e se traballe coas compensacións de CO² como noutros países europeos”. 

Neste contexto, puxo de manifesto o apoio da Xunta que, engadiu, “vai estar aí”, ao igual que o propio presidente Rueda, se finalmente asisten á esa xuntanza os ministros de Industria e Transición Ecolóxica. 

Últimas noticias