Lorenzana defiende la repotenciación obligatoria frente al plan del gobierno de subvencionarla para "disimular" la baja ejecución de los fondos europeos
“Os parques eólicos son rendibles aínda pagándoa, por iso nós non defendemos que teña que facerse con axudas e impostos de todos os cidadáns”, di
Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, defendeu hoxe a repotenciación obrigatoria fronte ao plan do Goberno central de subvencionala para intentar executar parte dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e disimular, así, a “baixísima” execución dos Perte industriais.
“Os parques eólicos son rendibles aínda pagando a repotenciación, por iso nós non defendemos que teña que facerse con axudas e impostos de todos os cidadáns”, dixo en resposta unha pregunta no Pleno do Parlamento, onde puxo como exemplo un parque eólico de 49 MW que, cun custo de repotenciación duns 60 millóns de euros, pode alcanzar unha facturación próxima aos 200 millóns ao longo da súa vida útil.
O Goberno, proseguiu, “entende que non son suficientes, senón que temos que subvencionalo e utilizar fondos Next Generation para as eléctricas”, ironizou. A poucos meses de finalizar o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) de España, o Goberno apenas ten resolto o 51,7 por cento dos máis de 33.500 millóns de euros previstos.
Segundo expuxo, a repotenciación, é dicir, a substitución de aeroxeradores obsoletos por outros máis modernos, permite incrementar a produción ata nun 35 por cento e reducir o número de muíños nun 80 por cento. É unha medida plenamente garantista cos investimentos realizados. “Non se toca ningún elemento xurídico da autorización”, subliñou.
A Xunta establece prazos suficientes para a tramitación das autorizacións e para a posta en marcha dos novos parques, moi superiores aos previstos cando se autorizaron os proxectos orixinais. Protéxense os investimentos previos, pero ao mesmo tempo exíxese que se empreguen as mellores técnicas dispoñibles, en beneficio do territorio, do medio ambiente e da poboación.
Determínase que parques deben repotenciarse, como se tramitan as autorizacións, cales son os prazos, as condicións e mesmo as posibles excepcións, garantindo ademais a máxima seguridade xurídica. E, no que respecta aos beneficios sociais, indicou que están perfectamente regulados a través da Lei 5/2024 de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia.
Lorenzana asegurou que, se ben o Goberno recorreu a lei que regula esta medida -cuxa suspensión levantou o Tribunal Constitucional o pasado 24 de febreiro-, non o fixo coas doutras comunidades autónomas, que incluso establecen condicións máis exixentes para o sector eólico, “polo único feito de que a impulsou o Goberno da Xunta de Galicia”, concluíu.