Lorenzana demanda al Gobierno una regulación de la repotenciación eólica como la de Galicia: sensata y económicamente viable

Lorenzana demanda al Gobierno una regulación de la repotenciación eólica como la de Galicia: sensata y económicamente viable

“Podemos congratularnos de que Galicia, que xa foi pioneira no desenvolvemento da enerxía eólica, tamén o está a ser ao abrir o debate da repotenciación a nivel nacional”, di

Nun período de dez anos a repotenciación suporía que se puidesen retirar da paisaxe galega aproximadamente 2.000 aeroxeradores duns 98 parques que agora mesmo teñen 20 anos ou máis; unha redución dun 80 por cento e un 35 por cento máis de enerxía eléctrica

“A Xunta de Galicia non vai renunciar de ningunha maneira ao despregamento eólico na comunidade, cremos que é absolutamente estratéxico e, ademais, estamos convencidos de que é posible facer un desenvolvemento eólico que sexa socialmente xusto e economicamente rendible, porque se non, no tería ningún sentido”

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, volveu demandar hoxe ao Goberno central que retire o recurso de inconstitucionalidade que presentou contra a normativa da repotenciación eólica en Galicia e pediu unha regulación estatal que vaia en consonancia coa aprobada pola Xunta: sensata e economicamente viable. “Podemos congratularnos de que Galicia, que xa foi pioneira no desenvolvemento da enerxía eólica, tamén o está a ser ao abrir o debate da repotenciación a nivel nacional”, recoñeceu.

Na clausura da xornada Repotenciar Galicia: enerxía, territorio e futuro, organizada polo Clúster das Enerxías Renovables (Cluergal), Lorenzana explicou que as medidas de repotenciación da Xunta son flexibles para determinados casos. Segundo dixo, tense en conta a amortización das operacións que se fixeron no momento inicial e, aínda que a repotenciación é obrigatoria a partir dos 25 anos, pode chegar a estenderse ata os 30. Ademais, puntualizou que a normativa galega prevé especificamente que se poida xustificar por razóns ambientais que non se faga unha repotenciación ou que se empreguen tecnoloxías distintas ás clásicas por ser máis favorable desde o punto de vista ambiental, económico e tecnolóxico.

A conselleira considerou “incoherente” o recurso presentado polo Goberno contra o novo modelo eólico de Galicia e as medidas de repotenciación que, de poder levarse a cabo, dixo, suporían que nun período de dez anos se puidesen retirar da paisaxe galega  aproximadamente 2.000 aeroxeradores duns 98 parques que agora mesmo teñen 20 anos ou máis, e deixar menos de 700 muíños. Unha redución dun 80 por cento, precisou, que producirían sobre un 35 por cento máis de enerxía eléctrica.

“Estou convencida de que en Galicia imos conseguir ter un modelo eólico que vai dar beneficios suficientes para todos, e sobre todo que vai ser economicamente viable e socialmente aceptado. Ese é o traballo que temos por diante”, subliñou Lorenzana, quen se amosou partidaria de facer pedagoxía. “É necesario que os cidadáns entendan que non é suficiente a enerxía eléctrica que agora mesmo se está producindo. Se estamos tratando de electrificar a industria e os consumos é preciso que a electrificación se acompañe de máis produción de enerxía eléctrica verde”.

Na súa intervención, asegurou que este novo modelo eólico no que está traballando a Xunta de Galicia, “con independencia da situación xudicial na que se atopen os parques xa tramitados”, parte do futuro plan sectorial eólico, do que en 2026 haberá xa un primeiro borrador e unha base cartográfica, avanzou, ademais das súas mesas que se van celebrar co diálogo social e cos empresarios.

Xunto con isto, tamén lembrou que a Lei de recursos naturais é o marco de actuación, e prevé, nese sentido, que o 50 por cento da enerxía dos novos parques eólicos ten que repercutir no tecido produtivo galego e nos fogares, que é polo que tamén está traballando Recursos de Galicia para conseguir prezos da enerxía máis baratos.

“Temos que ser quen de trasladar aos cidadáns que a eólica é boa”, dixo, para concluír: “A Xunta de Galicia non vai renunciar de ningunha maneira ao despregamento eólico na comunidade, cremos que é absolutamente estratéxico e, ademais, estamos convencidos de que é posible facer un desenvolvemento eólico que sexa socialmente xusto e economicamente rendible, porque se non, no tería ningún sentido”, concluíu.

Últimas noticias