Lorenzana reitera que el refuerzo de la red de transporte eléctrico es vital para la viabilidad de nuevos proyectos industriales que buscan energía más barata

Lorenzana reitera que el refuerzo de la red de transporte eléctrico es vital para la viabilidad de nuevos proyectos industriales que buscan energía más barata

Defende que unha industria comprometida coa sustentabilidade, co territorio e coas persoas é compatible co medio rural

“Nun momento en que os recursos naturais son máis importantes que nunca para un sector industrial que está en pleno proceso de descarbonización, o rural ten que estar na axenda das administracións e das empresas”, di

Subliña que a provincia de Lugo suma máis de 1.700 M€ de investimento en proxectos industriais

Sober (Lugo), 10 de maio de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reiterou hoxe a necesidade de que o Goberno central reforce a rede de transporte eléctrico porque é vital, dixo, para a viabilidade de novos proxectos industriais que buscan acceso a enerxía máis barata.

Lorenzana interveu hoxe no II Encontro de Sober, onde defendeu que unha industria comprometida coa sustentabilidade, co territorio e coas persoas é compatible co medio rural. “Nun momento en que os recursos naturais son máis importantes que nunca para un sector industrial que está en pleno proceso de descarbonización, o rural ten que estar na axenda das administracións e das empresas”, abondou.

Segundo indicou, a Xunta aprobou a Lei de Recursos Naturais, precisamente, para blindar o aproveitamento de todo o recurso renovable que alberga o medio rural, que debe facerse deixando beneficios en Galicia, nos territorios onde se asenta, por exemplo, un parque eólico, co obxectivo de reducir a factura eléctrica que pagan os galegos e as galegas.

Ese, dixo, é un dos obxectivos da política económica da Xunta, que ten unha base moi importante nos recursos naturais e no peche das cadeas de valor, ademais de na axilización administrativa e o acceso a solo industrial. Sobre este último punto, lembrou que a Xunta creou unha figura normativa específica para os concellos de menos de 20.000 habitantes, as Zonas Industriais Rurais (ZIR), para favorecer a implantación de proxectos de menor envergadura.

Lorenzana asegurou que se trata de atraer investimento cara ao rural. E, nese sentido, subliñou que a provincia de Lugo suma máis de 1.700 M€ de investimento en proxectos industriais.

Neste momento están en construción: a nova planta de Cafés Candelas no polígono das Gándaras (14 M€); a ampliación de Novafrigsa (Coren) en Lugo (10 M€); están próximas a comezar as obras da planta de Norvento, tamén no polígono das Gándaras (50 M€); e a de Kern Pharma no polígono do Reboredo, en Monforte de Lemos (59,4 M€).

Están xa operando as novas instalacións de Entrepinares en Vilalba (19,1 M€) e as de Oviganic Ibérica en Monforte de Lemos (16,1 M€).

E en diferentes fases de tramitación, xunto co de Altri (1.000 M€), outros catro proxectos: a planta de biogás que prevé implantar Agroamb Prodalt en Castro de Rei (22 M€); o proxecto Green Meiga (metanol verde) de Iberdrola en Begonte (518 M€); as novas instalacións de Granja Campomayor en Palas de Rei (5,35 M€); e unha planta de pélets e coxeración que promove Talentya Digital Global Solutions en Pedrafita do Cebreiro (23,1 M€).

Últimas noticias