Martina Aneiros anima a empresas y autónomos de Ferrolterra a solicitar las ayudas para infraestructuras de almacenamiento energético

Martina Aneiros anima a empresas y autónomos de Ferrolterra a solicitar las ayudas para infraestructuras de almacenamiento energético

Esta orde da Consellería de Economía e Industria está destinada a sufragar proxectos de almacenamento enerxético mediante baterías -que non sexan de chumbo-ácido- cunha capacidade de 800 €/kWh

O orzamento da convocatoria que se financia con cargo aos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (Feder) ascende a 2,5 M€

Cerdido (A Coruña), 29 de outubro de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, lembrou hoxe que o prazo de solicitude das axudas para infraestruturas de almacenamento enerxético da Consellería de Economía e Industria rematará o próximo 18 de novembro. Aneiros informou desta convocatoria destinada a empresas, autónomos e asociacións de empresarios durante unha visita á firma Horticina, na que estivo acompañada do alcalde de Cerdido, Alberto Rey.

A compañía de Cerdido, dedicada á produción, plantación e comercialización de froitos, froitas e materias primas agrarias, beneficiouse desta liña de axudas en edicións anteriores coa que instalou 192 paneis solares de 545 watios cada un con seis inversores de 15 kW e 24 baterías. Para estes dous últimos recibiu unha achega de 28.392 euros.

A orde está destinada a sufragar proxectos de almacenamento enerxético mediante baterías -que non sexan de chumbo-ácido- cunha capacidade de 800 euros/kWh e que impliquen un investimento mínimo de 25.000 euros. As axudas tamén cubrirán, tal e como explicou a delegada territorial, os accesorios necesarios para a instalación, o coste de montaxe e a elaboración do proxecto técnico.

“Dende a Xunta estamos a promover a adaptación das infraestruturas necesarias a través destas axudas que o que pretenden é contribuír ao aproveitamento das enerxías renovables, a eficiencia enerxética e á electrificación da demanda como unha das principais vías para a descarbonización”, lembrou Aneiros.

O orzamento da convocatoria que se financia con cargo aos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (Feder) ascende a 2,5 M€. A axuda máxima por proxecto será de 500.000 euros e cubrirá entre o 20 e o 50 % do coste, dependendo do tamaño da empresa -20 % no caso de grandes empresas, 40 % medianas e 50 % pequenas-. Cada solicitante poderá presenta unha ou máis solicitudes, cada unha para un único proxecto. A axuda máxima por entidade beneficiaria será dun millón de euros.

Últimas noticias