Martina Aneiros recuerda la convocatoria del Moves III para la compra de vehículos eléctricos e infraestructuras de recargo
Esta convocatoria da Consellería de Economía e Industria conta cun orzamento de 19,6 M€ para este ano
O prazo para solicitar estas subvencións remata o 31 de decembro ou ata o esgotamento do crédito
Narón (A Coruña), 28 de xullo de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o concesionario Priorauto, S.L. de Narón, unha das entidades colaboradoras adheridas ao programa Moves_III 2025 de incentivos á mobilidade eléctrica. Con este programa a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía e Industria, ten previsto mobilizar preto de 100 M€ nesta nova convocatoria que permanecerá aberta ata o 31 de decembro ou ata o esgotamento do crédito.
As axudas do Plan Moves III 2025 subvencionan dúas liñas de actuación, a compra de vehículos eléctricos e a instalación de infraestruturas de recarga para o que contan cun orzamento de 19,6 M€. No caso da primeira liña, o obxectivo é fomentar a adquisición de vehículos eléctricos puros, híbridos enchufables, eléctricos de autonomía estendida ou de pila de combustible. As axudas oscilarán entre os 700 e os 9.000 € por automóbil en función do tipo de solicitante, características do vehículo ou uso, entre outras cuestións.
Martina Aneiros visitou tamén a empresa MCen, S.C. de Narón, outro dos establecementos adheridos que se dedica ás actuacións de implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos, a segunda das actuacións subvencionables co programa Moves_III 2025. Neste caso, as axudas poden ser entre o 20% e 80% do coste subvencionable en función do tipo de solicitante, potencia dos puntos de recarga ou localización en concellos de menos de 5.000 habitantes.
A delegada territorial lembrou que poden beneficiarse desta iniciativa os particulares, as comunidades de propietarios, autónomos, empresas e entidades locais nas dúas liñas da convocatoria.
“O obxectivo deste plan é favorecer o incremento da demanda e, ao mesmo tempo, fomentar unha mobilidade eléctrica e sostible, colaborando na descarbonización do transporte e reducindo os costes enerxéticos así como contribuír á creación dunha rede pública e privada de puntos de recarga”, indicou Aneiros.
Desde que se abriu a convocatoria do Moves III en 2021, concedéronse máis de 11.500 axudas por importe superior aos 49 M€. Actualmente, son máis de 900 as entidades colaboradoras adheridas ao programa, nas que se inclúen tanto os puntos de venda como instaladores de baixa tensión.