Rueda anuncia la contratación de 14 nuevos psicólogos este año para la Red de psicología clínica en Atención Primaria

Sinala que o 100% das 244 novas prazas de profesionais de saúde mental recollidas no Plan de Saúde 2000-2024 foron creadas a través das leis de orzamentos
Afirma que a Xunta sacará a concurso de xeito continuado a práctica totalidade dos dereitos mineiros caducados unha vez se resolvan os xa convocados
Santiago de Compostela, 21 de maio de 2025
O titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a contratación de 14 novos psicólogos este ano para a Rede de psicoloxía clínica en Atención Primaria galega.
Durante a sesión de control no Pleno do Parlamento respondendo ás preguntas dos grupos parlamentarios, o presidente da Xunta afirmou que a saúde mental é un “problema crecente” ao que o Goberno galego está tratando de “poñer solucións”. Neste sentido, Rueda destacou que o ano pasado o Servizo Galego de Saúde atendeu a “máis do dobre” de persoas que no ano 2010 e que as consultas de psicoloxía aumentaron un 46%.
Sobre psicoloxía en atención primaria, o presidente anunciou que no presente ano o Servizo Galego de Saúde contratará a 14 novos profesionais, rematando 2025 con 21, e coa intención de chegar ao ano 2030 con 50.
Rueda lembrou que, para poder ser contratados polo Sergas, os psicólogos clínicos teñen que superar a proba de acceso á formación como Psicólogo Interno Residente (PIR) e cursar catro anos de especialidades como residente.
O 100% das 244 novas prazas de profesionais de saúde mental recollidas no Plan de Saúde 2000-2024 foron creadas a través das leis de orzamentos, estando cubertas na actualidade o 92%, cun total de 557 profesionais da saúde mental en Galicia.
Dereitos mineiros caducados
Tamén durante a sesión de control, o titular do Goberno galego referiuse á situación da minería galega afirmando que a nosa comunidade debe aproveitar as oportunidades de “pechar o ciclo produtivo aquí” e crear riqueza sempre que se respecten “os nosos recursos naturais”.
Neste sentido, o presidente afirmou que “en canto se resolvan” os concursos de dereitos mineiros xa convocados, a Xunta sacará de xeito continuado a práctica totalidade dos que estean caducados. Refírese así a todos aqueles minerais “estratéxicos” como o cobre, o feldespato, o niobio ou o tántalo.