Rueda anuncia que Recursos de Galicia rebajará hasta un 80% el coste de la electricidad a los 500 hogares más próximos a su primer parque eólico
Destaca que a sociedade formalizou a compra do parque eólico Mondigo, converténdose no seu primeiro activo de xeración eléctrica renovable en propiedade
A instalación consta de “11 aeroxeradores que están situados nos concellos lucenses de Ribadeo e Trabada”, e a liña de evacuación transcorre por este último e polo municipio veciño de Barreiros
Salientou que se trata do maior esforzo económico realizado ata a data nun parque eólico de Galicia co obxectivo de mellorar a calidade de vida nas vivendas situadas na contorna da instalación, concretamente a unha distancia de 1,8 quilómetros do parque
Lorenzana destaca que a adquisición destas instalacións por parte de Recursos de Galicia permite que os beneficios asociados á súa explotación permanezan e sexan xestionados na comunidade
Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou que o Consello do Goberno galego analizou hoxe un informe presentado por Recursos de Galicia (RDG) tras a formalización da compra do parque eólico de Mondigo por 75 millóns de euros, o primeiro en propiedade para esta sociedade. Dita adquisición, tal e como anunciou Rueda, fará que “os veciños que vivan nun radio de 1,8 quilómetros do parque vexan reducida a súa factura da luz nun 80%”, o que beneficiará ao redor de medio milleiro de familias.
Neste sentido, salientou que se trata do maior esforzo económico realizado ata a data nun parque eólico de Galicia co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas a través de melloras económicas e sociais, recollidas nas medidas previstas na Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia. “Este é un dos principais obxectivos que buscaba a Lei de Recursos Naturais de Galicia, que os beneficios redunden na contorna”, apuntou.
A moderna instalación, cuxa produción anual estimada é de 131 GWh, consta de “11 muíños emprazados nos concellos de Ribadeo e Trabada”, sinalou o presidente da Xunta, e a liña de evacuación, de 4,9 quilómetros, transcorre por Trabada e Barreiros. Neste momento o parque xa está xerando enerxía de maneira regular.
Rueda destacou así a aposta do Goberno galego por impulsar as enerxías renovables cumprindo sempre todas as garantías medioambientais e con repercusión no territorio, ao mesmo tempo que lamentou o feito de que “se fai cada vez máis incomprensibles as oposicións como o recurso do Goberno central contra a repotenciación dos eólicos” promovida pola Xunta.
Beneficios para a cidadanía
Neste marco, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reafirmou que o acordo responde á vontade de garantir que a posta en valor do recurso eólico teña unha tradución real e directa en beneficios para a veciñanza, “pasa a estar directamente ao servizo da cidadanía”, máis alá da propia xeración de enerxía renovable. Así mesmo, articula medidas concretas orientadas á redución do custo da electricidade nos fogares da contorna máis próxima ao fortalecemento económico do territorio, en coherencia cos principios recollidos na Lei 2/2024, do 7 de novembro, que promove unha maior repercusión social e económica das iniciativas que empregan este tipo de bens.
“Esta é unha medida concreta, inmediata e cuantificable a través do equilibrio, seguridade xurídica e retorno social”, asegurou a conselleira, ao tempo que incidiu en que o que se pretende tamén é “servir de exemplo para os operadores privados”.
A titularidade exclusiva de RDG permite unha xestión directa, flexible e orientada ao interese xeral, asegurando que os beneficios derivados da utilización do recurso natural poidan adaptarse ás necesidades do territorio ao longo da vida útil do parque. “A operación formalizouse tras un proceso competitivo de venda e a nivel internacional, algo que é relevante porque o parque queda en mans dun operador 100% galego e vai ter un retorno do 100% da enerxía producida a Galicia”, asegurou.
A adquisición destas instalacións por parte de Recursos de Galicia permite que os beneficios asociados á súa explotación permanezan e sexan xestionados na comunidade, reforzando a autonomía estratéxica da comunidade autónoma e aliñando a actividade enerxética cos obxectivos de interese xeral. “Aquí se fai toda unha declaración de principios: xerar riqueza en Galicia e que esa riqueza debe traducirse nunha mellor calidade de vida para os galegos e galegas”, insistiu.
Lorenzana avanzou que “nos próximos días porase a disposición unha web para que os cidadáns poidan facer as súas solicitudes” e, proximamente, porase en marcha un plan industrial que pretende abaratar tamén o prezo da enerxía a empresas da zona da contorna dese parque. Así mesmo, precisou que os descontos serán aplicados a través das empresas comercializadoras de electricidade –a de RDG será unha das compañías que os aplicará- que decidan colaborar co parque na xestión do programa.
Unha vez realizadas as comprobacións oportunas e confirmada a condición de beneficiario, os cidadáns comezarán a recibir o desconto directamente reflexado nas súas facturas eléctricas.