Rueda defiende la capacidad del rural para atraer inversiones industriales, innovadores y que contribuyan a la transición ecológica
Agradece á empresa a súa aposta por seguir mellorando, innovando e consolidando a industria na nosa comunidade á vez que forma o talento para retelo
Sinala a importancia de analizar as propostas industriais con esixencia e autorizalas para que a riqueza e o emprego se queden en Galicia
Curtis (A Coruña), 28 de maio de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu hoxe a capacidade que ten o rural para atraer investimentos industriais que sexan innovadores e que contribúan tamén á transición ecolóxica.
Así o sinalou esta mañá durante a súa visita á empresa Vertex Bioenergy en Curtis, un “concello rural no corazón de Galicia que non perdeu a súa identidade”, e onde a entidade está construíndo unha nova planta de CO2 bioxénico. Trátase dun produto renovable con moitas utilidades e fundamental para a elaboración de biocombustibles renovables.
O titular do Executivo galego agradeceu á empresa a súa aposta por seguir “mellorando, innovando e consolidando a industria” en Galicia á vez que apostan por “formar o talento aquí para retelo”.
Rueda salientou que iniciativas coma esta encaixan no modelo industrial que propón o Goberno autonómico: innovador, sustentable e apegado ao territorio. Neste sentido, sinalou a importancia de analizar as propostas industriais “con moita esixencia” e autorizalas para que “a riqueza se quede en Galicia”.
Enerxías renovables
O modelo galego aséntase no binomio industria-enerxía, vencellado ao despregamento das renovables nas que Galicia ten un gran potencial. Con este obxectivo, a Xunta está poñendo en marcha unha serie de medidas como a Lei de recursos naturais, a repotenciación ou o novo plan sectorial eólico. O Goberno galego tamén está a apostar por este tipo de proxectos de almacenamento enerxético.