Siete empresas optan a participar en el primer prototipo flotante que monitorizará la energía generada por las olas y corrientes de Punta Langosteira
O proxecto Innomar, impulsado por Inega, ten un orzamento de 5,7 millóns de euros
A iniciativa sitúa a Galicia no mapa nacional cunha proposta pioneira no eido das enerxías renovables que aproveitan a forza do mar
Incorpora unha vertente medioambiental para o estudio da biodiversidade do medio mariño ademais de facilitar a evacuación a terra da enerxía xerada a través dunha única liña que posibilitará o autoconsumo na contorna
Santiago de Compostela, 04 de abril de 2026
Un total de sete empresas amosaron o seu interese por participar no desenvolvemento do proxecto de Compra Pública de Innovación (CPI) Innomar, que promove o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) dependente da Consellería de Economía e Industria, para impulsar o primeiro prototipo flotante a nivel nacional que permitirá monitorizar o mar e evacuar a enerxía xerada polas ondas e as correntes na contorna de Punta Langosteira.
O pasado 23 de marzo remataba o prazo de presentación de solicitudes, que nestes momentos se atopan en fase de valoración. A previsión é que, unha vez avaliada a documentación achegada e as solvencias económica e financeira e técnica das empresas, se seleccionen as máis idóneas para participar no diálogo competitivo.
O procedemento empregado nesta ocasión implica unha tramitación máis extensa da contratación, ao permitir a definición progresiva, por parte da Administración en colaboración co sector, dunha solución que cubra as necesidades detectadas e garanta un maior grao de adecuación técnica e de innovación do proxecto definido.
Deste xeito, as empresas seleccionadas presentarán unha proposta inicial que será avaliada e valorada, e aquelas que mellor se axusten as necesidades do proxecto poderán acceder á fase final coa proposta de solución perfilada. Entre elas se seleccionará aquela que finalmente vai desenvolver o contrato, cuxa adxudicación está prevista para o mes de setembro.
O proxecto Innomar contempla o deseño, desenvolvemento e validación dunha solución tecnolóxica innovadora consistente nun multiconector flotante sensorizado, que permita a conexión de múltiples prototipos de xeración eléctrica a partir de renovables mariñas e a evacuación da enerxía producida. Tamén servirá para monitorizar en tempo real as condicións atmosféricas e mariñas como o vento, ondada, correntes e mareas, así como factores ambientais e de biodiversidade do medio mariño.
Un proxecto pioneiro para Punta Langosteira
O prototipo estará emprazado na zona experimental de enerxías mariñas de Punta Langosteira, unha infraestrutura única para a validación de tecnoloxías mariñas en condicións reais e que está considerada como a segunda zona experimental do mundo con maior concentración de enerxía das ondas, por detrás da costa sur de Gales.
Na actualidade non existe ningunha zona experimental de enerxías do mar a nivel nacional que dispoña dun sistema multiconector similar ao que está previsto desenvolver nesta contorna, que permita unha evacuación posterior da enerxía xerada a terra nunha única liña para minimizar calquera posible impacto sobre o medioambiente ou outras actividades do mar. Unha solución que posibilitará o autoconsumo nas áreas próximas, que neste caso podería ser o propio porto da Coruña ou as áreas empresariais da contorna, e que ademais potenciará a cadea de valor das industrias asociadas a estas fontes de enerxía renovable.
O orzamento para a súa posta en marcha ascende a 5,7 millóns de euros cofinanciados nun 60% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Programa Plurirrexional de España 2021-2027, no marco da Liña de Fomento da Innovación desde a Demanda (Liña FID) para a Compra Pública de Innovación.