La Xunta reclama mayor coordinación en los procesos de transición energética para avanzar en la descarbonización de la economía
Subliña que estamos nun momento clave no que cómpre abordar a necesidade de conxugar as diferentes fontes de xeración de enerxía renovable e a súa xestión, coa incorporación de novas tecnoloxías como a intelixencia artificial ou os sistemas de almacenamento
Madrid, 24 de setembro de 2025
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, subliñou esta mañá a necesidade de mellorar a coordinación nos procesos de transición enerxética para asegurar a curso da descarbonización da economía. “A transición enerxética está fallando porque debería de cumprirse unha gradualidade que non se está a dar” aseguraba ao tempo que poñía como exemplo o peche das centrais térmicas das Pontes e Meirama, ambas na provincia da Coruña, onde a falta dun calendario, o retraso na planificación da rede e nas convocatorias e resolución dos concursos de transición xusta está a impedir que se acompase dito peche co desenvolvemento de novos proxectos industriais e enerxéticos fundamentais para a reindustrialización das comarcas afectadas.
Fernández Vila realizaba estas declaracións no marco da III edición da Xornada do clima celebrada en Madrid, onde tamén apuntou que estamos nun momento clave no abandono dos combustibles fósiles no que cómpre abordar a necesidade de conxugar as diferentes fontes de xeración de enerxía renovable e a súa xestión “complicada no caso dalgunhas fontes como o aire ou o sol” coa incorporación de novas tecnoloxías como a intelixencia artificial ou os sistemas de almacenamento “que permitirán viabilizar novos proxectos enerxéticos tanto a nivel técnico como económico”.
Finalmente, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas chamou a atención sobre o papel que teñen que xogar as comunidades para liderar unha industria enerxética propia con base tecnolóxica a través da colaboración público-privada. “Temos as capacidade, os recursos e a industria e con medidas como as que pretende impulsar o Goberno galego a través da Lei de recursos naturais, podemos marcar o camiño”.