La Xunta subraya el despegue del sistema de Certificados de Ahorro Energético en Galicia con cerca de 110 solicitudes en lo que va de año
A Comunidade galega continúa en postos de cabeza en canto a aforro solicitado por detrás de Madrid e Cataluña ao alcanzar as 168 solicitudes desde a súa posta en marcha no ano 2024, cun aforro enerxético de 506,1 Gwh
A iniciativa, que no ano 2024 recibiu 61 peticións, permite acreditar o aforro no consumo de enerxía final logo da implantación de medidas de eficiencia enerxética
Fernández Vila subliña o gran crecemento experimentado nos últimos meses nos sectores terciario e residencial e anima ao tecido galego a unirse a un sistema que incentiva o investimento en tecnoloxías eficientes, fomenta a innovación ao tempo que reduce os custes e xera beneficios sociais e económicos no camiño cara á descarbonización
Ferrol (A Coruña), 19 de setembro de 2025
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, acompañado da delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros Barros, subliñou esta mañá o crecemento que está a experimentar o sistema de Certificados de Aforro Enerxético (CAEs) en Galicia, o que evidencia a aposta do tecido galego pola descarbonización da nosa economía”.
Fernández Vila participou en Ferrol na xornada Balance do Sistema CAEs en Galicia onde avanzou que no que levamos de ano se rexistraron 107 solicitudes, cando en todo o ano 2024 se rexistraran 61 solicitudes (410,225 Gwh de aforro). Das preto de 170 solicitudes que se levan rexistrado desde que o sistema CAEs botou a andar e que representan un aforro enerxético de 506,1 Gwh, 124 foron rexistradas favorablemente, 18 resultaron desfavorables, 3 desistiron e 23 están en tramitación. E, ao fío, indicou que os 124 CAEs xa rexistrados supoñen un aforro enerxético de 333,9 Gwh e uns ingresos para os xeradores de aforro de algo máis de 51 millóns de euros (51,184M€).
Estas cifras sitúan a Galicia nos postos de cabeza das comunidades que apostan por implantar este sistema, por detrás de Madrid e Cataluña, o que da mostra “do compromiso do tecido galego pola sustentabilidade e a mellora da competitividade”. Neste punto, Pablo Fernández Vila subliñou que malia que os CAEs “representan unha oportunidade crucial para acelerar a descarbonización e consolidar ás empresas nunha posición de liderado desde o punto de vista da sustentabilidade e da competitividade, os sectores terciario e residencial comezan a ver os beneficios deste sistema e xa suman 101 das 168 solicitudes de CAEs que tivemos ata o momento”.
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas apuntou, non en tanto, que “cómpre seguir traballando para fortalecer este sistema en todos os sectores incluído o público, porque incentiva o investimento en tecnoloxías eficientes e fomenta a innovación ademais de reducir os custes para os consumidores e xerar, en definitiva, beneficios económicos e sociais”, polo que animou ao tecido galego a sumarse a el.
O Certificado de Aforro Enerxético (CAE) é un documento electrónico que acredita a consecución dun aforro no consumo de enerxía final logo da implantación de proxectos ou medidas de eficiencia enerxética.