Lorenzana reclama al Gobierno más recursos y una regulación armonizada para que las administraciones públicas puedan monetizar sus ahorros energéticos
Indica que a Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña os orzamentos para 2026 inclúe modificacións lexislativas que favorecen a monetización de actuacións de eficiencia enerxética dentro do sector público autonómico
Lamenta que este novo mecanismo se concibise sen partida orzamentaria para as comunidades autónomas, excepto para a creación dunha plataforma que aínda non está operativa e é fundamental para estender este sistema
Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reclamou hoxe ao Goberno que dote as comunidades autónomas de recursos orzamentarios e que estableza unha regulación harmonizada en España para que as administracións públicas poidan monetizar os seus aforros enerxéticos.
Lorenzana clausurou hoxe unha xornada técnica sobre os Certificados de Aforro Enerxético (CAE): documentos electrónicos, xestionados polas comunidades autónomas, que acreditan os aforros de enerxía logrados mediante medidas de eficiencia enerxética que se poden monetizar para financiar investimentos e cumprir cos obxectivos de descarbonización.
“Os CAE están transformando a maneira de entender e xestionar a eficiencia enerxética e consolídanse como unha ferramenta estratéxica, xa que permiten recuperar parte ou a totalidade dos investimentos”, dixo Lorenzana, para sinalar que a Xunta está a traballar para que este mecanismo sexa sinxelo, accesible e útil tanto para empresas e particulares como para a propia Administración.
Así, precisou que a Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña os orzamentos para 2026, que se aprobará previsiblemente no Parlamento a semana que vén, inclúe unha serie de modificacións lexislativas que favorecen a monetización de actuacións de eficiencia enerxética dentro do sector público autonómico.
Lorenzana considerou moi importante implicar as administracións públicas, onde existe un gran potencial de aforro pero, tamén, incertezas, dixo, sobre todo en relación á titularidade dos aforros e de como se monetizan no mercado. Ao respecto, lamentou que este novo sistema se concibise sen partida orzamentaria para as comunidades autónomas, excepto para a creación dunha plataforma que aínda non está operativa, apuntou.
Segundo dixo, “a escalabilidade do sistema depende dun factor clave: da automatización mediante esa plataforma dixital integral; unha iniciativa unificada que permitiría optimizar a xestión e compravenda dos CAE, garantindo maior transparencia, eficiencia e axilidade no mercado”.
En Galicia, ata o 31 de decembro de 2024 houbo 61 solicitudes de CAE, cun aforro de 410,225 GWh. Foi a sexta comunidade autónoma en número de actuacións, pero a segunda en aforro despois de Madrid. Actualmente, de acordo aos datos de 2025, xa se levan rexistrado 381 solicitudes, das que 218 foron rexistradas favorablemente, 130 están en tramitación e 33 foron desistidas ou desfavorables. Os 218 CAE rexistrados supuxeron un aforro de 383,06 GWh e uns ingresos de case 58,63 millóns de euros.