A Axencia
En virtude do Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da axencia Instituto Enerxético de Galicia procédese á transformación do Inega en axencia pública autonómica, mantendo a súa adscrición á consellería competente na materia, conforme o establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo, encadrada dentro das entidades instrumentais do sector público autonómico reguladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
A axencia Inega conta con personalidade xurídica propia diferenciada respecto da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, patrimonio e tesourería propios e autonomía de xestión nos termos que precisan as leis.
OBXECTIVOS
Os obxectivos básicos da axencia Instituto Enerxético de Galicia son o fomento, impulso e realización de iniciativas e programas de actuación para a investigación, o estudo e apoio das actuacións de coñecemento, desenvolvemento e aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, a mellora do aforro e a eficiencia enerxética, o fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia, así como a participación na xestión e prestación, se for o caso, de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.
ÓRGANOS DE GOBERNO
- A presidencia
-
A Presidencia da axencia Instituto Enerxético de Galicia corresponde á persoa titular da consellería competente en materia de enerxía. Por razóns organizativas e de oportunidade, a persoa titular da consellería competente en materia de enerxía poderá propoñer ao Consello da Xunta o nomeamento dunha persoa para desempeñar a Presidencia da axencia no seu lugar.
- O Consello Reitor
-
O Consello Reitor estará integrado polos seguintes membros:
- Presidente/a: a persoa titular da Presidencia da axencia.
- Vicepresidente/a: a persoa titular da Dirección da axencia.
- Sete vogais, nomeados pola persoa titular da consellería de adscrición:
- Tres vogais representarán a consellería competente en materia de enerxía e serán designados por esta.
- Dous vogais representará a consellería competente en materia de ordenación do territorio e ambiente e serán propostos por esta.
- Un/unha vogal en representación da consellería competente en materia de facenda e será proposto/a por esta.
- Un/unha vogal representará as corporacións locais e será proposto pola Fegamp.
- Secretario
-
Designado e nomeado polo Consello Reitor entre o persoal que presta servizos na axencia. A persoa titular da Secretaría asistirá ás reunións con voz pero sen voto.
- Vogais
-
- ORDE do 1 de xullo de 2024 pola que se nomean vogais do Consello Reitor da Axencia Instituto Enerxético de Galicia.
- ORDE do 12 de xullo de 2023 pola que se nomean vogais do Consello Reitor da Axencia Instituto Enerxético de Galicia.
- ORDE do 29 de marzo de 2021 pola que se nomea vogal do Consello Reitor da Axencia Instituto Enerxético de Galicia.
- ORDE do 3 de febreiro de 2021 pola que se nomean vogais do Consello Reitor da Axencia Instituto Enerxético de Galicia.
- ORDE do 1 de febreiro de 2017 pola que se nomean vogais do Consello Reitor da Axencia Instituto Enerxético de Galicia.
ÓRGANOS EXECUTIVOS
A Dirección
É o órgano executivo da axencia Instituto Enerxético de Galicia, e correspóndelle a súa xestión ordinaria e será exercida, por razón do cargo, pola persoa titular da dirección xeral con competencias en enerxía.
OUTROS ÓRGANOS
- O Comité de Dirección
-
A persoa titular da Dirección da axencia Instituto Enerxético de Galicia estará asistida por un comité de dirección composto polas persoas titulares da Xerencia, dos departamentos e da Secretaría do Consello Reitor, en caso de que este non exerza posto de director/a de departamento ou xerente/a.
- A Comisión de Control e Seguimento
-
É o órgano de control do funcionamento da axencia Instituto Enerxético de Galicia e estará composta polos seguintes membros:
- Unha persoa representante da entidade titular do contrato de xestión.
- Unha persoa representante da consellería de adscrición da axencia.
- Unha persoa representante da consellería que ten as competencias en materia de orzamentos.
- Unha persoa representante da consellería que ten as competencias en materia de avaliación e reforma administrativa.
ESTRUTURA ORGANIZATIVA
- Director
- Xerencia, da cal depende o Departamento de Coordinación de Eficiencia Enerxética no Sector Público e deste a Área de Xestión e Coordinación
- Departamento de Enerxía, do cal dependen a Área de Enerxías Renovables e a Área de Aforro e Eficiencia Enerxética
FUNCIÓNS
As súas funcións xerais son:
Elaborar e propoñer á consellería competente en materia de enerxía plans e programas en materia enerxética.
Promover e, se for o caso, executar os plans e programas indicados, aprobados pola consellería competente en materia de enerxía.
Propoñer a elaboración de disposicións para o establecemento, desenvolvemento e xestión da política enerxética.
Controlar, vixiar e inspeccionar, dentro do ámbito de actuación do Inega e en coordinación coa subdirección xeral competente en materia de enerxía, as instalacións de produción, condución, distribución, subministración e consumo de enerxía, tendo como obxectivo prioritario a seguridade das instalacións.
Fomentar e desenvolver programas de asesoramento e auditoría enerxéticos para impulsar actuacións de aforro e mellora da eficacia enerxética, elaborar programas de racionalización do uso da enerxía e promover o aproveitamento dos recursos enerxéticos.
Fomentar e participar en programas e proxectos de investigación e desenvolvemento de tecnoloxías enerxéticas, bens de equipamento e servizos relacionados coa enerxía.
Fomentar e participar na avaliación e implantación de sistemas de produción de Enerxía baseados en recursos endóxenos, con especial promoción dos que utilicen enerxías renovables e de coxeración.
Elaborar estudos e realizar e emitir informes e recomendacións en materia enerxética para entes públicos ou privados.
Organizar programas de formación e reciclaxe profesional, en colaboración con centros de formación de ámbito universitario e profesional.
Orientar as persoas usuarias nos hábitos de consumo enerxético mediante campañas e actuacións específicas.
Fomentar a participación das empresas e institucións galegas nos programas enerxéticos estatais e internacionais, principalmente os emprendidos pola Unión Europea, así como emitir informe e asesorar sobre as directrices e programas comunitarios dirixidos ao ámbito enerxético.
Poderá exercer a representación da Comunidade Autónoma nos organismos previstos pola normativa vixente en materia enerxética.
Ademáis de:
Xestionar a Rede de enerxía da Xunta de Galicia, creada mediante o Decreto 66/2013, do 18 de abril.
Realizar un labor divulgativo e formativo no ámbito da certificación enerxética de edificios.
Impulsar e xestionar incentivos para a implantación de proxectos de enerxías renovables e de eficiencia enerxética.
Asesorar no ámbito enerxético e promover a realización de estudos para a posta en marcha de medidas de eficiencia enerxética e enerxías renovables na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia.
Impulsar e realizar o seguimento de proxectos innovadores con carácter demostrativo no ámbito da enerxía.
Para o exercicio das devanditas funcións, o Instituto Enerxético de Galicia poderá actuar tanto directamente como a través de calquera das entidades dependentes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo das limitacións establecidas pola lexislación vixente no caso de que a súa actuación comporte o exercicio de potestades administrativas.

Sociedades Participadas
A continuación pode descargarse o seguinte documento onde se desglosan as diferentes empresas e entidades participadas polo Inega.