REDEXGA
Entre as distintas funcións que desenvolve INEGA atópase a xestión da Rede de Enerxía da Xunta de Galicia (REDEXGA).
A Redexga creouse ao abeiro do Decreto 66/2013, do 18 de abril, polo que se crea a Rede de Enerxía da Xunta de Galicia e regúlase a organización e competencias para a contratación da subministración
enerxética dentro da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. O seu obxectivo xeral é impulsar dentro da Administración galega principios de aforro e diversificación enerxética.
Está constituída polas infraestruturas, medios e servicios necesarios para a xestión enerxética dos centros de consumo da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
CAL É A LABOR DA REDEXGA
Dentro do marco do seu obxectivo xeral, a Redexga ten entre outras as seguintes finalidades:
A promoción dos expedientes de contratación centralizada do subministro enerxético.
A interlocución coas compañías enerxéticas nas contratacións da subministración e a centralización das incidencias que se reciban destas compañías para facilitar e axilizar a resolución das mesmas.
A promoción e supervisión de estudos enerxéticos que permitan avaliar a viabilidade das medidas de aforro enerxético que se implementen nos centros de consumo.
A definición das actuacións necesarias para a mellora da eficiencia enerxética dos centros de consumo adscritos á Redexga e o seguimento destas actuacións.
O asesoramento e a formación na implementación da normativa enerxética vixente en cada momento.
Ditar as instrucións xerais e as especificacións técnicas das contratacións enerxéticas que se realicen polo centros de consumo enerxéticos adscritos á Redexga.
A CONTRATACIÓN CENTRALIZADA DE ENERXÍA
Unha das principais finalidades da Redexga é a mellora das condicións dos contratos enerxéticos da Xunta de Galicia a través de contratacións centralizadas de enerxía que permitan minimizar os custos que cada centro de consumo ten que aboar nas súas facturas enerxéticas.
Así, en 2013 comezou a contratación centralizada de electricidade e en 2015 a de gas natural, xa que estas enerxías son as que abarcan a maior parte dos consumos enerxéticos dos edificios da Xunta de Galicia. Posteriormente en 2016 incorporouse a de gasóleo C. Estas contratacións centralizadas permitiron acadar uns mellores prezos da enerxía nas sucesivas adxudicacións.
As contratacións centralizadas da Redexga máis significativas son:
- REDEXGA ELECTRICIDADE: foi a primeira contratación centralizada da Redexga e o primeiro contrato de electricidade entrou en vigor o 10/10/2013, con 1.276 subministracións adheridas e un consumo anual global de 108.050 MWh. O contrato vixente na actualidade conta con 2.106 subministracións e un consumo anual de 311.700 MWh.
- SOGAMA ELECTRICIDADE: entrou en vigor o 15/02/2020 con 3 subministracións e un consumo anual de 66.390 MWh. O contrato vixente na actualidade, conta con 3 subministracións e un consumo anual de 74.440 MWh.
- REDEXGA GAS NATURAL CANALIZADO E LICUADO: o primeiro contrato entrou en vigor o 01/09/2015, contaba con 113 puntos de subministración e un consumo inicial de 506.720 MWh/ano. O contrato vixente na actualidade conta con 246 puntos de subministración e un consumo anual del 609.887 MWh/ano.
- REDEXGA GASÓLEO C: o primeiro contrato entrou en vigor o 07/10/2016 con 281 puntos de subministración e un consumo de 3.675 m3/ano. O actual contrato conta con 366 puntos de subministración e 4.857 m3/ano de consumo.
Na actualidade, a Redexga conta cun total de 2.721 centros adheridos ás contratacións centralizadas de electricidade (2.106), gas natural (246), gasóleo C (366) e Sogama (3 de electricidade). O consumo global destas tres fontes enerxéticas sitúase por riba dos 1.000 GWh ao ano, tal e como se reflicte na seguinte táboa.
TIPO ENERXÍA |
CONTRATO |
NÚMERO CENTROS |
CONSUMO (MWh/ano) |
CONSUMO (m3/ano) |
---|---|---|---|---|
Electricidade |
Electricidade III |
2.106 |
311.700 |
|
Sogama |
3 |
74.440 |
|
|
Gas Natural |
Canalizado |
245 |
587.611 |
|
GNL |
1 |
22.276 |
|
|
Gasóleo C |
A Coruña/Pontevedra |
240 |
|
3.132 |
Lugo/Ourense |
126 |
|
1.725 |
|
|
TOTAIS |
2.721 |
996.027 |
4.857 |
A Redexga contribúe a xerar importantes aforros enerxéticos e económicos, o que repercute en beneficio de todos os galegos.
OUTRAS ACTUACIÓNS DA REDEXGA
Para acadar unha xestión máis eficiente da enerxía, o Inega como órgano xestor da Redexga, presta asesoramento técnico integral a todos os centros adheridos ás distintas contratacións centralizadas, destacando as actuacións e resultados levados a cabo no ámbito da enerxía eléctrica.
En concreto, Inega presta os seguintes servizos de asesoramento enerxético:
FACTURACIÓN DE ENERXÍA:
- Optimización das tarifas de acceso de electricidade.
- Axuste das potencias contratadas das subministracións eléctricas.
- Corrección do factor de potencia (enerxía reactiva).
- Tratamento conxunto de todas as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento dos contratos de enerxía.
- Identificación de desvíos (erros en lecturas de equipos de medida).
- Xestión de altas e baixas de subministracións.
AFORRO E EFICIENCIA ENERXÉTICA
- Asesoramento en materia de aforro e eficiencia enerxética.
- Asesoramento en iniciativas de autoconsumo eléctrico con tecnoloxía fotovoltaica.
- Fomento de comunidades enerxéticas.
- Substitución de combustibles derivados do petróleo por biomasa ou gas natural.
- Elaboración de auditorías e prediagnose enerxéticas.
As Administracións Públicas deben desempeñar un papel activo no aforro de enerxía e na mellora da eficiencia enerxética, non só como lexisladores, promotores e financiadores de medidas de mellora, se non tamén como consumidores de enerxía. Neste sentido, cómpre salientar que a REDEXGA contribúe a transmitir, entre outros, os seguintes valores:
- Maior eficiencia na xestión da enerxía.
- Maior austeridade no gasto público, na busca dunha maior sostibilidade enerxética, económica e ambiental.
- Fomento do emprego de enerxías limpas para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro: LOITA CONTRA O CAMBIO CLIMÁTICO.
- Exemplaridade deste tipo de actuacións.
CONTEXTO NORMATIVO
As actuacións desenvolvidas na Redexga atópanse en consonancia co seguinte plan:
- Axenda Enerxética de Galicia 2030, en concreto co eixo 4, descarbonización dos sectores.
PLATAFORMA DE XESTIÓN DA REDEXGA
Para axudar na xestión enerxética da Redexga, disponse dunha plataforma software que permite, entre outras, realizar as seguintes funcións:
- Seguimento en tempo real dos consumos de enerxía dos centros adheridos a REDEXGA, integrando electricidade, gas natural e gasóleo.
- Comprobación e detección de errores e desvíos na facturación enerxética.
- Optimización da potencia contratada e detección de excesos de enerxía reactiva co conseguinte aforro económico.
- Parametrizar rateos de consumos para identificar oportunidades de mellora na operativa dos edificios adheridos.
- Funcionalidades para o seguimento do aforro enerxético acadado por centro ou por grupos de centros.
- Desenvolvemento de enerxías renovables nos edificios públicos mediante ferramentas de predimensionamento de instalacións solares fotovoltaicas.
- Impulso ao autoconsumo compartido e ás comunidades enerxéticas entre edificios próximos da Administración.
- Impulso á automatización e ás novas tecnoloxías.
Nota: o acceso á plataforma de xestión está limitado e acoutado aos xestores dos centros adheridos á REDEXGA a través de usuario e contrasinal