A Xunta avaliará no Observatorio da Eólica Mariña as achegas que vai facer Galicia á consulta pública aberta polo Goberno

A Xunta avaliará no Observatorio da Eólica Mariña as achegas que vai facer Galicia á consulta pública aberta polo Goberno

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, presidiu hoxe unha nova reunión deste organismo, do que forman parte representantes do sector industrial e pesqueiro

Fai un chamamento ao diálogo e ao consenso ao asegurar que, ao tratarse dunha tecnoloxía que non se vai executar nun curto prazo de tempo, “aínda hai marxe para compatibilizar e seguir avanzando nesta folla de ruta” para que a implantación da eólica mariña en Galicia sexa un éxito

Desde a Consellería do Mar, que tamén forma parte do observatorio, reiterouse a necesidade de garantir a protección do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola, así como do conxunto das actividades vinculadas ao mar

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2026

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, avanzou hoxe que a Xunta vai avaliar no seo do Observatorio da Eólica Mariña as achegas que vai facer Galicia á consulta pública aberta apolo Goberno para aprobar as bases do primeiro procedemento de concorrencia competitiva de instalacións eólicas no mar.

Fernández Vila presidiu hoxe unha reunión do Observatorio de Eólica Mariña, do que forman parte representantes do sector industrial e pesqueiro, onde precisou que o prazo para presentar estas achegas conclúe o vindeiro 24 de febreiro. Ao respecto, sinalou que as inquedanzas e preocupacións de todos os integrantes desta entidade son “moi similares” e que, fundamentalmente, pasan por que haxa compensacións por parte dos promotores eólicos que desenvolvan os seus proxectos na costa galega.

“A máxima do Goberno galego é precisamente que calquera proxecto que faga uso dos recursos naturais xere riqueza social e económica no territorio. E, neste caso, ao falar dunha nova tecnoloxía que ten lugar nas nosas costas tamén se poden producir sinerxías co sector pesqueiro, sobre todo, a efectos de mantemento e revisión dos parques unha vez que estean en funcionamento”, abondou.

“Galicia debería ser unha das zonas onde primeiro se faga esa poxa de eólica mariña”, reiterou, porque, segundo dixo, “iso pode xerar unha cadea de valor a efectos industrias moi significativa, pero sempre tendo en conta esa compatibilidade co medio mariño e as actividades xa existentes”, recalcou.

Fernández Vila fixo un chamamento ao diálogo e ao consenso ao asegurar que, ao tratarse dunha tecnoloxía que non se vai executar nun curto prazo de tempo, “aínda hai marxe para compatibilizar e seguir avanzando nesta folla de ruta para a implantación da eólica mariña que, por outro lado, xa leva un retraso importante”, observou.

“Estamos a tempo de ir realizando as adaptacións precisas para que a implantación da eólica mariña en Galicia sexa un éxito”, dixo, para apuntar que o período de implantación dun parque eólico mariño é en torno aos seis, sete ou oito anos e que iso dá lugar a que sexa unha tecnoloxía viva sobre a que aínda se pode seguir afondando acerca das afeccións e das posibles sinerxías.

Fernández Vila concluíu recoñecendo que “é normal que existan opinións encontradas e diversas”, polo que agradeceu “o talante e os puntos de encontro que tamén son moitos”.

Desde a Consellería do Mar, que tamén forma parte do observatorio, reiterouse a necesidade de garantir a protección do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola, así como do conxunto das actividades vinculadas ao mar. Neste sentido, o Goberno galego defende que a implantación desta tecnoloxía debe realizarse baixo criterios de diálogo real cos profesionais do mar, seguridade xurídica e planificación rigorosa baseada en información técnica e científica, co obxectivo de asegurar que a transición enerxética se leve a cabo sen comprometer o tecido socioeconómico das zonas costeiras nin o aproveitamento sostible dos recursos mariños.

Últimas novas