Lorenzana destaca o apoio que a Xunta presta a empresas e autónomos para que invistan en melloras de eficiencia enerxética

Lorenzana destaca o apoio que a Xunta presta a empresas e autónomos para que invistan en melloras de eficiencia enerxética

Destaca que a liña de axudas convocada este ano conta cun orzamento de 7,5 millóns de euros e está aberta ata o 15 de setembro

O Grove (Pontevedra), 23 de maio de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe o apoio que a Xunta, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), presta a empresas e autónomos para que poidan investir en melloras de eficiencia enerxética e infraestruturas de autoconsumo nos seus establecementos.

Lorenzana visitou hoxe no Grove (Pontevedra), o hotel Spa Atlántico, beneficiario destes apoios, onde informou de que a liña de subvencións específica para empresas e autónomos convocada este ano conta cun orzamento de 7,5 millóns de euros e aínda está aberta ata o vindeiro 15 de setembro.

As axudas máximas van desde os 300.000 euros ata 1 millón de euros e cobren investimentos superiores a 15.000 euros, salvo para empresas relacionadas coa transformación e comercialización de produtos de pesca ou acuicultura, que sería de 200.000 euros.

Por outra banda, a conselleira destacou tamén que as empresas e entidades locais e sociais galegas tamén dispoñen este ano dunha liña de apoios para a instalación de paneis fotovoltaicos. A convocatoria pechou o pasado 2 de marzo cun orzamento de 6,5 millóns de euros e axudas máximas de ata 150.000 euros. Segundo precisou, rexistrou 107 solicitudes: 86 de empresas (5.089.132,90 euros), 4 de entidades sen ánimo de lucro (172.604,80 euros) e 17 de entidades locais (1.160.591,28 euros).

Lorenzana puxo de manifesto o labor de acompañamento que a Xunta presta ás empresas galega, do tamaño e sector que sexa, dixo, non só con medidas económicas e de apoio financeiro ou á innovación, senón tamén, nun dos grandes retos que afrontan neste momento que está na enerxía. “É o reto da descarbonización, da implantación de renovables e de equipamentos máis eficientes para poder rebaixar o prezo que pagan pola electricidade, que é fundamental para manter os niveis de produtividade e competitividade”, concluíu.

Últimas novas