A Xunta aposta por impulsar solucións innovadoras no ámbito das enerxías renovables mariñas para avanzar no desenvolvemento tecnolóxico do sector
A Xunta aposta por impulsar solucións innovadoras no ámbito das enerxías renovables mariñas para avanzar no desenvolvemento tecnolóxico do sector
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila participou na inauguración da xornada Enerximar- IV Foro de Enerxías Mariñas e Eólica Offshore en Galicia
Explicou que as enerxías mariñas representan unha oportunidade estratéxica para a Comunidade para xerar emprego cualificado, innovación tecnolóxica e diversificación industrial
A Coruña, 23 de outubro de 2026
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, apostou hoxe na Coruña por impulsar solucións innovadoras no ámbito das enerxías renovables mariñas para avanzar no desenvolvemento tecnolóxico dun sector que está chamado a ter un papel protagonista nos vindeiros anos.
Fernández Vila, participou na inauguración da xornada Enerximar-IV Foro de Enerxías Mariñas e Eólica Offshore en Galicia organizada polo Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal) en colaboración coa Autoridade Portuaria da Coruña e a Xunta, onde puxo en valor o proxecto Innomar, xa que segundo explicou, “se queremos liderar o futuro temos que crear hoxe as condicións necesarias para que as nosas empresas e centros de coñecemento poidan desenvolver aquí as tecnoloxías do mañá”. “E iso require planificación, investimento e visión estratéxica”, engadiu.
Así, o director xeral apuntou que as enerxías mariñas representan unha oportunidade estratéxica para Galicia para xerar emprego cualificado, innovación tecnolóxica, diversificación industrial e fixar actividade económica ao longo da costa.
Nesta liña, destacou que a Comunidade está preparada para liderar o desenvolvemento da eólica mariña en España porque ten recurso eólico, portos cunha grande capacidade loxística, estaleiros, enxeñaría, industria auxiliar, empresas innovadoras, coñecemento científico e tecnolóxico, e experiencia en sectores industriais complexos que poden actuar como base para esa nova actividade.
Finalmente subliñou o compromiso do Goberno galego co desenvolvemento das enerxías renovables mariñas, coa innovación e coa industria galega porque “temos os recursos, temos coñecemento e temos a capacidade”, puntualizou.
A apertura institucional da xornada contou tamén coa participación do presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, e do secretario do Clúster de Enerxías Renovables de Galicia, Nonito Aneiros.