Preto dunha trintena de edificios públicos e empresas privadas convértense en escaparate da transición enerxética de Galicia a través do uso da Biomasa
Preto dunha trintena de edificios públicos e empresas privadas convértense en escaparate da transición enerxética de Galicia a través do uso da Biomasa
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, presentou esta mañá en Santiago, en colaboración co Clúster da Biomasa de Galicia, unha iniciativa que distingue aquelas firmas e institucións que empregan este recurso natural como fonte de enerxía renovable
Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2026
Este edificio quéntase con biomasa. Baixo este lema, a Administración galega e o Clúster da Biomasa de Galicia veñen de por en marcha unha iniciativa para distinguir aquelas empresas e institucións que empregan a biomasa como solución enerxética nos seus edificios. A proposta foi presentada esta mañá en Santiago no transcurso dunha xornada na que estiveron presentes o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, e o director da Xera, Alfredo Fernández Ríos.
“Cando unha persoa vexa este distintivo nun hospital, nun edificio administrativo, nunha universidade ou en calquera outra instalación, poderá comprobar que a biomasa non é unha tecnoloxía de futuro: é unha solución enerxética que xa está funcionando hoxe en Galicia”, destacou Fernández Vila, ao tempo que explicou que a iniciativa está incluída no marco do convenio de colaboración entre o Inega e o Clúster da Biomasa para impulsar e divulgar o sector, mellorar o coñecemento que ten a sociedade da bioenerxía e favorecer a implantación de novos proxectos.
O director xeral avanzou que no marco desta campaña unha trintena de empresas e institucións galegas comezarán a lucir nos seus edificios unha placa que as recoñece como empresas comprometidas co proceso de transición enerxética que está a promover o Goberno galego. Neste caso, incorporando a biomasa para producir enerxía renovable, reducir a dependencia do exterior e xerar actividade económica no territorio. “Cando falamos de biomasa forestal estamos falando dunha enerxía renovable pero, sobre todo, dunha enerxía vinculada aos nosos propios recursos”, insistiu o director xeral.
Finalmente, o responsable da área de Planificación enerxética agradeceu ao Clúster da biomasa o seu traballo e animou a administracións e industria a sumarse a unha iniciativa que avanza na descarbonización da economía galega ao tempo que permite que unha boa parte do valor asociado á enerxía quede no territorio.