A Xunta actualiza o Catálogo de Recursos Naturais de Galicia coa incorporación de 65 novos produtos minerais á Materioteca de Galicia

A Xunta actualiza o Catálogo de Recursos Naturais de Galicia coa incorporación de 65 novos produtos minerais á Materioteca de Galicia

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, clausurou no CIS Ferrol unha xornada para dar a coñecer os novos elementos cos que o inventario galego alcanza xa os 190 produtos documentados

Ferrol, 20 de novembro de 2026

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, gabou esta mañá o traballo que está a facer a Cámara Oficial Mineira de Galicia en colaboración co Inega para manter ao día o Catálogo de Recursos Naturais de Galicia. Unha listaxe á que este ano se veñen de incorporar 65 novos produtos minerais galegos con ficha técnica propia, e mostras físicas de 36 deles. É o caso da mica, o magal ou a lousa rectangular verde.

Fernández Vila participou esta mañá en Ferrol na clausura da xornada de difusión do novo catálogo, onde lembrou que no marco do convenio entre estas dúas institucións, ademais da ampliación da listaxe, tamén se analizaron os novos usos para produtos e subprodutos minerais galegos, actualizouse o mapa de recursos e se incorporou unha sección específica dedicada aos minerais estratéxicos.

O director xeral destacou que o catálogo alcanza agora os 190 produtos documentados, que se poden consultar na Materioteca de Galicia, un espazo de difusión, exposición e arquivo de materiais innovadores e sustentables que alberga o propio CIS Ferrol onde hoxe se celebrou a xornada. Para Fernández Vila, o traballo que se está a realizar permitirá “reducir dependencias, fortalecer as cadeas de subministración, abrir oportunidades á nosa industria e xerar máis valor aquí, en Galicia”.

O responsable do departamento de planificación Enerxética e Minas do Goberno galego insistiu na necesidade de que as administracións “lideren e sirvan de modelo no camiño cara á transición enerxética, pero non hai transición enerxética sen materiais e non hai materiais sen recursos minerais”.  “Coñecer mellor os nosos recursos significa tamén reducir dependencias, fortalecer as cadeas de subministración, abrir oportunidades á nosa industria e xerar máis valor aquí, en Galicia. Ese é precisamente un dos obxectivos deste traballo” – rematou Fernández Vila.

Últimas novas