Ana Ortiz destaca as vantaxes do plan Renova o teu Vehículo da Xunta para a compra de vehículos electricos ou de baixas emisións
A iniciativa da Consellería de Economía e Industria incrementa nesta edición o seu orzamento ata os 3,5 millóns de euros, coa previsión de contribuír á venda en Galicia de 1.600 automóbiles eficientes
Vigo, 5 de febreiro de 2026
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou este xoves o concesionario Rodosa de Vigo, unha das entidades colaboradoras adheridas ao programa Renova o teu Vehículo para a adquisición de vehículos eléctricos ou de baixas emisións, dirixido a particulares e empresas.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía e Industria e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), destina a este programa un orzamento de 3,5 M€, coa previsión de contribuír á venda duns 1.600 vehículos eficientes con axudas de ata 4.000 euros que ascenden a 4.600 euros no caso de familias numerosas. Esta convocatoria permanece aberta ata o 30 de setembro ou, no seu caso, ata o esgotamento do crédito.
Estas axudas subvencionan a compra de vehículos novos, turismos ou furgonetas, que cumpran determinadas características de emisións e que teñan un custe inferior ou igual a 42.000 euros (impostos incluídos). Esta cantidade amplíase ata os 47.000 euros (impostos incluídos) para vehículos eléctricos con autonomía maior a 30 km en modo eléctrico e en 6.000 euros adicionais cando se trate dun vehículo adaptado para a utilización de persoas con discapacidade ou se dispoña de oito ou nove prazas.
Para acceder a estas achegas, en réxime de concorrencia non competitiva, será requisito imprescindible que o comprador acredite a baixa definitiva de circulación dun vehículo a achatarrar, que deberá ter unha antigüidade de, polo menos, dez anos se se trata dun turismo ou de 5 anos se é unha furgoneta. Un particular poderá adquirir un único vehículo e, no caso de ser autónomo ou empresa, ata un máximo de 10 unidades.
Ana Ortiz destacou que “unha das principais vantaxes do Renova o teu Vehículo con respecto ao Moves estatal é que é menos burocrático porque a Administración autonómica fai o pagamento da axuda directamente ao establecemento de venda, sen que o beneficiario teña que desembolsala previamente”.