As axudas para a compra de electrodomésticos xa se poderán solicitar desde este xoves
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, presentou hoxe a nova convocatoria do programa Galicia Renova Electrodomésticos
A Xunta destina a esta iniciativa un orzamento de 2,2 M€ coa intención de que se beneficien ata 14.000 fogares galegos
Lorenzana apunta que, ata o momento, son xa case 400 os establecementos adheridos a esta campaña
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe que a partir do vindeiro xoves 8 de febreiro xa se van poder solicitar as axudas do programa Galicia Renova Electrodomésticos, ás que a Xunta destina un orzamento de 2,2 M€ coa intención de que se beneficien ata 14.000 fogares galegos.
No acto de presentación desta iniciativa, no que participaron representantes da Asociación Nacional de Empresas Distribuidoras de Electrodomésticos (Aden), Lorenzana apuntou que, ata o momento, son xa case 400 os establecementos adheridos a esta campaña, aos que agradeceu a súa participación.
As axudas cobren o 25% do custo do electrodoméstico e, en caso de consumidores vulnerables, entre o 50% e o 75%. É dicir, oscilan entre os 100 e os 450 euros e son para a compra de frigoríficos, frigorífico-conxelador, conxelador, lavadora, lavalouzas ou placas de indución coa correspondente cualificación enerxética.
A conselleira explicou que, nun contexto de suba de prezos, o obxectivo deste programa é axudar ás familias galegas na compra dun novo electrodoméstico para o seu fogar, ao tempo que se fomenta a concienciación social sobre a eficiencia enerxética e se dinamizan as vendas no comercio local, como o fan outras medidas da Xunta como o Bono Comercio ou o programa Renova o teu Vehículo, lembrou.
A previsión da Xunta é chegar a mobilizar 7,6 M€ en vendas e contribuír a unha redución de emisións equivalente á plantación de 44.000 árbores.