Belén do Campo destaca o investimento da Xunta de case 120.000 € na mellora da eficiencia enerxética da Casa do Concello de Carral
A delegada visitou o Concello para coñecer as melloras realizadas ao abeiro desta orde 24-25 de Administración Local
A delegada informou que a convocatoria de 2025 contou con 5M€ e estaba dirixida a municipios de menos de 30.000 habitantes que fagan melloras dos sistemas de illamento, iluminación e climatización, calefacción e auga quente sanitaria
As achegas autonómicas cubren ata o 80% do gasto, cun límite de 120.000 euros
Carral (A Coruña), 1 de agosto de 2025
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou, esta mañá, a Casa do Concello de Carral para supervisar as obras, que se acaban de rematar, para optimizar a súa eficiencia enerxética ao abeiro da convocatoria, en concorrencia competiva, para a mellora da eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas municipais bianual 2024 e 2025.
A convocatoria destas axudas publicouse por vez primeira o pasado ano, para o período 2024-2025, e beneficiou a máis de medio cento de entidades locais que puideron mellorar a eficiencia enerxética das súas casas do concello, casas da cultura, centros socioculturais, polideportivos, escolas e outros edificios de titularidade municipal. Na provincia da Coruña houbo 17 concellos beneficiarios, que se distribuíron case 1,7 millóns.
Durante a visita a delegada coñeceu as melloras realizadas ao abeiro desta liña de axudas en Carral que consistiron na renovación da envolvente do edificio da Casa Consistorial e das súas instalacións de calefacción e iluminación. Estas obras lle permiten ao Concello un aforro en emisións de CO2 e de enerxía primaria non renovable do 43,3%. Concretamente, instalouse na fachada un sistema SATE e no tellado un panel sándwich máis eficiente. Ademais, optaron pola colocación dunha instalación fotovoltaica e por novos equipos de refrixeración e calefacción a través de bomba de calor. O proxecto tamén contemplou un sistema novo de iluminación máis eficiente nalgúns espazos do edificio mediante a introdución de sistemas de control e regulación.
Convocatoria 2025
Belén do Campo lembrou que está pendente de resolución a convocatoria para o período 2025-2026, cun orzamento de 5 millóns de euros cofinanciados con fondos Feder.
Segundo explicou, a medida diríxese aos concellos de menos de 30.000 habitantes e permitirá cubrir ata o 80% dos gastos de melloras en illamento, iluminación interior e climatización cun límite de 120.000 euros.
Así, fináncianse obras de mellora das envolventes térmicas, illamentos en cubertas e fachadas, e a instalación de carpinterías exteriores ou acristalamentos con boas características térmicas. Tamén son subvencionables as obras para contar con iluminación eficiente no interior dos edificios, así como para a colocación de sistemas de control e regulación da iluminación artificial, da intensidade e o acendido. Outra das melloras refírese á climatización, calefacción e sistemas e auga quente sanitaria, que poderán incluír fontes de enerxía renovable. O importe da actuación debe oscilar entre os 60.000 e os 150.000 euros.
Belén do Campo sinalou que o obxectivo de apoiar este tipo de proxectos é contribuír á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e á mitigación dos efectos do cambio climático, en liña coa Estratexia de cambio climático e enerxía 2050 e no marco do Programa Feder Galicia 2021-2027. Búscase tamén facilitarlles aos concellos galegos o aforro enerxético e económico, así como a mellora ambiental e do confort do persoal e da cidadanía usuaria dos servizos municipais. A través da medida impúlsase ademais a reactivación económica dos sectores implicados nas obras e refórzase o efecto exemplarizante das actuacións da Administración.
Os proxectos que opten ás axudas deben ser de execución plurianual, dunha única fase e non poderán estar comezados antes da presentación da solicitude. As administracións locais beneficiadas deberán acreditar unha redución mínima inicial do 20% do consumo anual de enerxía primaria non renovable e das emisións de gases de efecto invernadoiro.