Dez concellos da provincia de Ourense constituirán unha comunidade enerxética local co apoio da Xunta

DXPEMA_Ourense
Dez concellos da provincia de Ourense constituirán unha comunidade enerxética local co apoio da Xunta

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, reuniuse hoxe cos alcaldes dos municipios adheridos a esta iniciativa

Trátase dos concellos de Amoeiro, Coles, Gomesende, Nogueira de Ramuín, Paderne de Allariz, O Pereiro de Aguiar, Ramirás, San Cibrao das Viñas, Vilamarín e Xunqueira de Espadanedo, que forman parte da Asociación de Desenvolvemento Rural da Comarca de Ourense (Adercou)

Esta axuda financia a contratación da subministración centralizada de electricidade a través da Central de Contratación de Adercou

Contempla, entre outras medidas, a instalación de paneis fotovoltaicos nas dependencias dos dez concellos adheridos, cunha potencia de 1,13 MWp que xerarán uns 1.285 MWh, equivalente ao 13% do seu consumo de electricidade

Ourense, 19 de xullo de 2024

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, reuniuse hoxe cos alcaldes dos dez concellos da provincia de Ourense que van constituír unha comunidade enerxética local ao amparo das axudas que a Xunta convocou o pasado ano a través do Instituto Enerxético de Galicia por importe de 1,4M€.

En concreto trátase dos concellos de Amoeiro, Coles, Gomesende, Nogueira de Ramuín, Paderne de Allariz, O Pereiro de Aguiar, Ramirás, San Cibrao das Viñas, Vilamarín e Xunqueira de Espadanedo, que forman parte da Asociación de Desenvolvemento Rural da Comarca de Ourense (Adercou).

Esta axuda financia a contratación da subministración centralizada de electricidade a través da Central de Contratación de Adercou. Contempla, en primeiro lugar, a instalación de paneis fotovoltaicos nas dependencias dos dez concellos adheridos, cunha potencia de 1,13 MWp que xerarán uns 1.285 MWh, equivalente ao 13% do seu consumo de electricidade.

Ademais, en sete dos municipios, prevese adaptar as caldeiras de gasóleo con sistemas de bombas de calor aerotérmicas. E, xunto con isto, as axudas tamén cobren a instalación dun punto de recarga e a compra dun vehículo eléctrico.

O investimento previsto para esta actuación supera os 177.000 euros e a axuda outorgada é de máis de 122.500 euros.

Poden acollerse a este acordo marco calquera entidade local pertencente á provincia de Ourense, así como os seus entes dependentes, co único requisito de adherirse á Central de Contratación a través do convenio vixente.

O obxectivo é reducir a factura eléctrica das entidades adheridas, no marco dunha política de fomento do autoconsumo enerxético tanto en empresas como na administración pública que a Xunta está a desenvolver a través do Inega.

Últimas novas