Enerxétika 2024: innovación, negocio e coñecemento uniranse do 11 ao 13 de abril nunha cita referente para o sector da enerxía
A cuarta edición do certame converterá ao recinto Feira Internacional de Galicia Abanca en punto de encontro para institucións, empresas e profesionais
A feira Enerxétika avanza na súa organización para converterse en espazo de referencia do sector da enerxía do 11 ao 13 de abril, de novo no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra).
Así, esta cuarta edición prepárase co obxectivo de ofrecer unha plataforma única para xerar negocio, intercambiar experiencias, poñer en valor o I+D+i no sector enerxético e medir os numerosos cambios que este está a experimentar nos últimos anos.
No salón converxerán todos os ámbitos e tipos de enerxía, desde convencionais e renovables ata eficiencia enerxética, mobilidade sostible, material e equipos para instalacións, electrónica industrial, iluminación, servizos ou formación. As empresas e entidades presentes na súa área expositiva mostrarán o presente e o futuro do sector coas tecnoloxías máis avanzadas do mercado.
De novo co apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía, Industria e Innovación e a súa Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, que encabeza o seu comité, reforzarase como punto de encontro para empresas, institucións, profesionais e consumidores. Así, esta cita ofrecerá unha proposta acorde a un momento determinante como o actual.
Será un magnífico escaparate, con presenza das principais empresas enerxéticas na súa exposición, e un foro excepcional, cun programa que non deixará indiferente polo seu alto nivel na transferencia de coñecementos.
Un programa que volverá superarse
O programa de actividades desta feira tense convertido nun dos seus distintivos, e nesta ocasión incidirá aínda máis na súa atractiva formulación. Destacarán as propostas orientadas a profesionais pero ao mesmo tempo será unha ferramenta con gran valor informativo, formativo e pedagóxico.
As xornadas técnicas seguirán sendo protagonistas, con temas de máxima actualidade que serán debullados por relatores de recoñecido prestixio, os cales achegarán unha interesante visión da situación e os retos do sector.
Sumaranse outras propostas que potenciarán o salón como espazo de converxencia de todos os axentes implicados no ámbito enerxético. Así, levaranse a cabo presentacións, talleres, encontros sectoriais, unha área divulgativa para o público xeral, probas de vehículos con combustibles alternativos e, por segunda vez tras o éxito da pasada edición, o SIE – Salón da Innovación Enerxétika.
O SIE potenciará o seu atractivo para poñer en valor a aposta das empresas e entidades expositoras pola innovación, a sustentabilidade, o desenvolvemento de enerxías renovables e a eficiencia enerxética, permitindo mostrar dunha forma visual e atractiva os seus proxectos máis relevantes.
ExpoMunicipal 2024
Nesta ocasión Enerxétika contará coa celebración paralela da I Feira de Servizos Municipais, ExpoMunicipal 2024, unha nova cita que pretende dar resposta ás necesidades e retos dos municipios ante o actual escenario social, o cal esixe cidades máis sostibles, eficientes, accesibles, seguras e verdes.
Unha coincidencia e interrelación respecto a diversos ámbitos expositivos que suporá un valor engadido para Enerxétika, creándose interesantes sinerxías.