INEGA presenta a CPI INNOMAR que impulsará as enerxías renovables mariñas desde Punta Langosteira

INEGA presenta a CPI INNOMAR que impulsará as enerxías renovables mariñas desde Punta Langosteira
INEGA presenta a CPI INNOMAR que impulsará as enerxías renovables mariñas desde Punta Langosteira

O Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) presentou o pasado xoves 29 de xaneiro de 2026 o proxecto de Compra Pública Innovadora INNOMAR, unha iniciativa estratéxica orientada ao impulso das enerxías renovables mariñas e á monitorización medioambiental, nun acto celebrado nas instalacións da Autoridade Portuaria da Coruña.

A xornada foi inaugurada polo presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, quen destacou o papel do porto exterior de Punta Langosteira como emprazamento clave para o desenvolvemento de proxectos vinculados á transición enerxética e á economía azul.

Durante o acto, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, presentou o proxecto CPI INNOMAR, explicando os seus obxectivos, os retos identificados e as solucións innovadoras que se buscan a través deste proceso de compra pública. Así mesmo, avanzou os vindeiros pasos do proxecto, entre os que se inclúe o inicio das licitacións tanto da CPI como da oficina técnica de apoio, que dará soporte á súa execución.

O programa incluíu tamén a intervención do director da Autoridade Portuaria da Coruña, Juan Diego Pérez Freire, quen puxo en valor o compromiso do Porto da Coruña co desenvolvemento das enerxías renovables mariñas, a sustentabilidade ambiental e a descarbonización das actividades portuarias.

Un dos momentos centrais da xornada foi a mesa redonda sobre os retos, necesidades e oportunidades das enerxías renovables mariñas en Galicia, moderada polo INEGA, na que participaron representantes de CETMAR, MeteoGalicia, IEO-CSIC, así como grupos universitarios da UDC, USC e UVigo, que achegaron unha visión técnica e científica sobre o potencial deste sector emerxente.

O proxecto INNOMAR, promovido polo INEGA, conta cun orzamento de 5,7 millóns de euros e está cofinanciado nun 60 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Plurirrexional de España 2021-2027, a través dunha axuda concedida polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades no ámbito da Liña FID de Compra Pública Innovadora.

A xornada completouse cun espazo de elevator pitch e unha visita guiada ás instalacións do Porto Exterior da Coruña – Punta Langosteira, dado que ao seu carón está a zona experimental de enerxías do mar de Galicia onde se instalarán as solucións innovadoras desenvolvidas no proxecto INNOMAR.

Últimas novas