Lorenzana aborda cos alcaldes da Veiga e Poio as necesidades de solo empresarial para reforzar o seu desenvolvemento industrial

Lorenzana aborda cos alcaldes da Veiga e Poio as necesidades de solo empresarial para reforzar o seu desenvolvemento industrial

A responsable de Economía e Industria destaca que un dos obxectivos da política económica do Goberno galego é que as empresas teñan máis facilidade de acceso ao solo para o desenvolvemento de novos proxectos xeradores de emprego e riqueza

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo esta semana senllos encontros de traballo cos alcaldes de Poio, Ángel Moldes, e da Veiga, Juan Anta, para abordar as necesidades de solo empresarial que teñen os seus municipios co obxectivo de reforzar o seu desenvolvemento industrial.  As reunións enmárcanse na rolda de xuntanzas que a titular de Economía e Industria está a ter con alcaldes e alcaldesas da Comunidade galega.

Durante a reunión co rexedor pontevedrés, Lorenzana trasladoulle que un dos obxectivos da política económica da Xunta é que as empresas teñan máis facilidades de acceso ao solo industrial e promover o crecemento das que xa están implantadas en Galicia. Ademais, aproveitaron para analizar a situación do parque empresarial de Fragamoreira, emprazado neste concello e que conta cunha superficie de 386.513 m².

Neste marco, a conselleira puxo en valor as novas figuras de aceleración da ordenación de solo empresarial postas en marcha polo Goberno galego, como é o caso das Zonas de Aceleración de Proxectos Empresariais e Solo (Zapes), unha figura que permite simultanear a tramitación urbanística coa dos proxectos, de xeito que se pasa dunha media de dez anos a menos de dous anos para que as empresas poidan comezar a súa construción.

Reunión co alcalde de A Veiga

A conselleira de Economía e Industria tamén mantivo un encontro co alcalde da Veiga, Juan Anta, para falar das necesidades de solo industrial deste municipio e analizar o rol que debe xogar a madeira no desenvolvemento tanto dos ámbitos rurais coma urbanos, toda vez que o concello ourensán dispón dunha importante masa forestal de piñeiro e carballo.

Nesta liña, Lorenzana destacou o compromiso da Xunta co sector estratéxico madeireiro-forestal con axudas para impulsar a madeira na construción, que ascenderon a tres millóns de euros no 2024, e lembrou o obxectivo de que, progresivamente, o 20 % das edificacións da Administración pública galega empreguen madeira na súa estrutura.

Finalmente, explicou que con todas estas actuacións se da un paso máis na política industrial que busca impulsar novos sectores industriais estratéxicos, detectar e integrar novas cadeas de valor, promocionar a formación, atracción de talento e o emprego de calidade, e mellorar a competitividade da industria galega.

Últimas novas