Lorenzana amósase “razoablemente satisfeita” coa proposta da nova planificación eléctrica para Galicia

Lorenzana amósase “razoablemente satisfeita” coa proposta da nova planificación eléctrica para Galicia

Asegura que atende as demandas feitas pola Xunta de Galicia para as provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra

Non obstante, lamenta que condene a provincia de Lugo e a saque do mapa industrial dos vindeiros anos

Madrid, 23 de setembro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, amosouse hoxe “razoablemente satisfeita” coa proposta da nova planificación eléctrica que prepara o Goberno central, se ben, lamentou que condene a provincia de Lugo e a saque do mapa industrial dos vindeiros anos.

Lorenzana, acompañada polo secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, e polo director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, mantivo hoxe unha reunión co secretario de Estado de Enerxía, Joan Groizard, e con responsables de Red Eléctrica Española (REE) para abordar a proposta de planificación da rede de transporte de enerxía eléctrica para o período 2025-2030.

Á espera de coñecer o borrador completo, dixo, “en Galicia podemos dicir que estamos razoablemente satisfeitos co resultado da reunión para unha boa parte do territorio e, en concreto, para tres provincias que son A Coruña, Pontevedra e Ourense, onde se reforzan as distintas posicións e as distintas zonas que foron solicitadas polo Goberno de Galicia practicamente na súa totalidade”, subliñou.

“Estamos satisfeitos de que toda a zona da cidade da Coruña e a Autoridade Portuaria, xunto coa zona de Ferrol vaia ser reforzada, e de que tamén se poida dar saída á enerxía producida pola meirande parte das centrais renovables na zona de Ourense, así como polos reforzos para as zonas de transición xusta, As Pontes e Meirama”, abondou.

Non obstante, Lorenzana amosou a súa “tristeza” por “que se saque do mapa industrial unha provincia como é a de Lugo, posto que non se reforza en ningún punto, en ningunha zona para o consumo industrial”, argumentou. Isto significa, proseguiu, que “durante o tempo que dure esta planificación non se poderá instalar ningunha mediana ou grande industria nesta provincia ao non ser reforzada e non existir potencia eléctrica para iso”, lamentou. 

“É a única provincia que non sae reforzada e está condenada e sacada do mapa industrial para os próximos anos”, remarcou, para garantir que “o Goberno de Galicia vai seguir loitando para que Lugo poida ter un futuro económico e industrial”, aínda que a realidade, enfatizou, “é que tendo en conta as conexións eléctricas que agora mesmo ten, non é unha posibilidade para que ningunha empresa de mediano ou pequeno tamaño se poida instalar nesta provincia”.

Últimas novas