Lorenzana apela á necesidade de “ser cabais e prudentes” nas decisións que se adopten para consolidar a transición enerxética
Avoga por “seguir traballando con moitísima colaboración nun escenario moi inestable e moi complexo” como é o actual
“No peche das centrais térmicas e mesmo das centrais nucleares hai que ter en conta sempre as circunstancias e o feito de que a industria ten que seguir consumindo enerxía” ao igual que os fogares, di
Destaca o bo momento que vive Galicia a nivel industrial, co emprego no sector en cifras récord e coa segunda maior suba do IPI a nivel nacional
Vigo, 10 de marzo de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, apelou hoxe á importancia de “ser cabais e prudentes” na toma de decisións que se adopten para consolidar a transición enerxética que, segundo dixo, ten que facerse de maneira xusta para ir pouco a pouco gañando en autonomía.
Acompañada do secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, Lorenzana clausurou esta tarde a Asemblea Xeral Ordinaria da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime), onde avogou por “seguir traballando con moitísima colaboración nun escenario moi inestable e moi complexo” como é o actual.
A conselleira quixo remarcar a importancia da enerxía para o sector industrial e, ao respecto, volveu insistir na necesidade de que se reforce a rede de transporte eléctrico. “Estamos vendo a importancia de evacuar toda a enerxía renovable que producimos para ir pouco a pouco gañando en autonomía enerxética”, sinalou.
“Volvemos lembrar cando tantas veces dixemos que hai que facer as transicións enerxéticas de maneira xusta”, dixo. Nese sentido, sobre o peche das centrais térmicas e nucleares asegurou que “hai que ter en conta sempre as circunstancias” e o feito de que “a industria ten que seguir consumindo enerxía” ao igual que os fogares, apuntou.
Lorenzana concluíu destacando o bo momento que vive Galicia a nivel industrial. Salientou que o emprego no sector está en cifras récord, con 192.300 persoas ocupadas e un crecemento que xa supera en case catro puntos a media de España. E, tamén, que a comunidade vén de rexistrar a segunda maior suba da produción industrial en xaneiro en España, cun 1,9 % que contrasta coa caída a nivel estatal (-2,7 %).