Lorenzana destaca que a aposta da chinesa Sungrow por Galicia converte a comunidade en pioneira en sistemas de almacenamento enerxético

Subliña que Galicia vai ser a primeira en poñer en funcionamento un sistema de almacenamento enerxético con baterías que opera de forma independente, sen estar integrado directamente a unha planta de xeración de enerxía renovable
Desenvolvido por Soner Sorolla, filial da chinesa Sungrow en España, é un dos 35 beneficiarios (o único en Galicia) da convocatoria de axudas a proxectos innovadores de almacenamento enerxético outorgadas polo Goberno
Remarca o valor estratéxico que a multinacional chinesa lle está dando a Galicia dentro dos seus plans de investimento en España
Sanxenxo (Pontevedra), 5 de xullo de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que Galicia vai ser a primeira comunidade autónoma en poñer en funcionamento un sistema de almacenamento enerxético con baterías que funciona na modalidade stand-alone; é dicir, que opera de forma independente, sen estar integrado directamente a unha planta de xeración de enerxía renovable.
Lorenzana visitou hoxe no polígono de Nantes as instalacións do proxecto Bess Sanxenxo, que desenvolve Soner Sorolla, filial da chinesa Sungrow en España, e que se prevé que entre en servizo este mesmo verán. Alí, remarcou o valor estratéxico que a multinacional lle está dando a Galicia dentro dos seus plans de investimento en España en solucións de almacenamento de última xeración.
O proxecto é un dos 35 beneficiarios (o único en Galicia) da convocatoria de axudas a proxectos innovadores de almacenamento enerxético outorgado polo Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través dos fondos Next Generation (1,6 M€).
Ten unha potencia instalada e de funcionamento de 5 MW, cunha capacidade de almacenamento de 20 MWh. As instalacións constan de catro contedores para albergar as baterías, un transformador de potencia e unha liña subterránea (171 m) de 20 kV ata a subestación SE Sanxenxo.
Lorenzana sinalou que o almacenamento enerxético garante unha maior estabilidade e seguridade do sistema eléctrico e permite integrar nel a xeración producida polas renovables, de modo que se garda o excedente de enerxía xerada por fontes intermitentes como a solar ou a eólica para logo empregala cando a demanda é alta ou a produción é baixa.
Ao respecto, incidiu en que a Xunta vai seguir insistindo na necesidade de que se prioricen estas tecnoloxías e, máis, logo do ocorrido co apagamento. De feito, subliñou que a Xunta segue á espera de que o Goberno presente o texto definitivo da Orde pola que se crea un mercado de capacidade no sistema eléctrico español, que supón un avance para poder dispoñer dunha regulación e reforzar a seguridade da subministración no noso país.