Lorenzana destaca que a auditoría que RDG está a realizar nos polígonos e portos galegos permitirá abaratar os custos enerxéticos das empresas
Indica que neste momento os traballos están na fase de recollida de datos para coñecer o recurso renovable da contorna, as infraestruturas enerxéticas dispoñibles e os patróns de consumo
O obxectivo é ofrecer solucións adaptadas a cada polígono: proxectos de autoconsumo, sistemas de almacenamento, para a mellora da eficiencia nos procesos industriais e, tamén, no ámbito da mobilidade
“Temos que traballar por apoiar as empresas na descarbonización, na electrificación e na baixada das facturas”, di Lorenzana, quen enmarcou esta iniciativa na estratexia económica da Xunta, que vincula a enerxía ao desenvolvemento industrial
Lalín (Pontevedra), 12 de decembro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, convidou hoxe as empresas a participar na auditoría enerxética que Recursos de Galicia (RDG), en colaboración, tamén, coa Consellería do Mar, está a realizar nos polígonos e portos galegos para poder implantar solucións que permitan descarbonizar a actividade industrial e reducir a factura eléctrica.
A conselleira visitou hoxe no parque empresarial Lalín 2000 as instalacións de Inasus, unha das empresas que participa nesta iniciativa pioneira en España que se vai desenvolver en 315 polígonos e portos de Galicia (193 parques empresariais e 122 peiraos autonómicos).
Segundo explicou, neste momento os traballos están na fase de recollida de datos para coñecer o recurso renovable da contorna, as infraestruturas enerxéticas dispoñibles (redes de distribución e transporte, subestacións,...) e os patróns de consumo das empresas asentadas. A partir de aí, aquelas que faciliten os seus datos para a análise recibirán un informe enerxético personalizado coas correspondentes propostas de mellora e cunha estimación de aforros e comparativa sectorial.
O obxectivo é ofrecer solucións adaptadas a cada polígono: proxectos de autoconsumo, sistemas de almacenamento, para a mellora da eficiencia nos procesos industriais e, tamén, no ámbito da mobilidade.
“Temos que traballar por apoiar as empresas na descarbonización, na electrificación e na baixada das facturas”, asegurou Lorenzana, quen enmarcou esta iniciativa na estratexia económica da Xunta, que vincula a enerxía ao desenvolvemento industrial.
Recursos de Galicia (RDG) é unha sociedade pioneira en España na que participa a Xunta en colaboración con 32 empresas que sosteñen máis de 21.000 empregos directos e achegan un 14 % do PIB de Galicia. O seu obxectivo é conseguir que abaratar o que pagan pola electricidade tanto as empresas e a industria como os fogares, dándolles acceso a fontes de enerxía renovable e promovendo, ao mesmo tempo, a descarbonización da economía e a autonomía enerxética de Galicia.