Lorenzana destaca que máis dunha trintena de concellos se levan beneficiado das axudas da Xunta para a instalación de paneis fotovoltaicos
Esta liña de apoios para entidades locais de Galicia, entidades sen ánimo de lucro, e para pemes e autónomos, suma un orzamento de 12 M€ nas dúas últimas edicións
Os CEIP Pedro Caselles Beltrán e o Plurilingüe de Barrantes, no concello de Tomiño (Pontevedra), instalaron 35 e 20 paneis fotovoltaicos, respectivamente, cun apoio por parte da Xunta de máis de 20.000 euros
Tomiño (Pontevedra), 1 de abril de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que a liña de axudas do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) para a instalación de paneis fotovoltaicos en edificios públicos, entidades de iniciativa social e empresas leva permitido xa desenvolver 145 proxectos, máis dunha trintena deles promovidos por concellos.
Acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e do director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, Lorenzana visitou hoxe en Tomiño (Pontevedra) o CEIP Pedro Caselles Beltrán, beneficiario desta orde de apoios xunto co CEIP Plurilingüe de Barrantes.
O primeiro deles, instalou na súa cuberta 35 paneis fotovoltaicos e, no caso do CEIP de Barrantes foron 20, cun apoio por parte da Xunta de máis de 20.000 euros en total. Segundo dixo, esta infraestrutura de autoconsumo renovable permítelles, por unha banda, aforrar enerxía e, por outra, limitar ou evitar a dependencia da rede eléctrica tradicional, dixo.
A conselleira explicou que esta liña de axudas para entidades locais de Galicia, entidades sen ánimo de lucro, e para pemes e autónomos, que nas dúas últimas edicións suma un orzamento de 12 millóns de euros. Ata o de agora, leva permitido desenvolver xa 145 proxectos de instalación fotovoltaica, 34 deles, promovidos por concellos, como é o caso de Tomiño.