Lorenzana destaca que a provincia de Pontevedra encabeza o número de solicitudes do Bono Enerxía Peme

Lorenzana destaca que a provincia de Pontevedra encabeza o número de solicitudes do Bono Enerxía Peme

Son polo de agora 183 establecementos pontevedreses os que solicitaron estas axudas para o aforro enerxético en empresas e pequenos negocios do sector servizos

O pasado 17 de xaneiro abriu a quinta convocatoria deste programa cun orzamento de 2,5 M€ e, en apenas un mes, xa está case esgotado o crédito (1,9 M€)

Sanxenxo, 21 de febreiro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que Pontevedra é a provincia que rexistra máis solicitudes do Bono Enerxía Peme, cun total de 183 que suman máis de 837.000 euros en axudas.

Así o puxo esta tarde de manifesto nunha visita que realizou a un dos establecementos do concello de Sanxenxo beneficiarios desta liña de apoios, a panadería Veiganova, que substituíu unha envasadora ao baleiro que lle vai permitir un aforro enerxético de 54,75 kWh/ano, o 16,7 por cento do consumo inicial.

Lorenzana lembrou que o pasado 17 de xaneiro abriu a quinta convocatoria deste programa cun orzamento de 2,5 M€ e, en apenas un mes xa está case esgotado o crédito (1,9 M€). A día de hoxe hai presentadas 417 solicitudes cun investimento asociado de 2,6 millóns de euros, a maioría, procedentes do sector da hostalería, o comercio ou salóns de peiteados.

Á provincia de Pontevedra séguelle a da Coruña en número de solicitudes rexistradas ata o momento (127 solicitudes e máis de 575.000 euros en axudas); Ourense (54 solicitudes e máis de 219.000 euros en axudas); e Lugo (53 solicitudes e arredor de 264.000 euros en axudas).

O Bono Enerxía Peme é un programa de apoios para axudar aos negocios  e empresas do sector servizos a renovar equipamento e facer melloras que lles permitan gañar en eficiencia enerxética e reducir, así, a factura eléctrica.

Últimas novas