Lorenzana: “A falta de investimento na rede eléctrica é unha das maiores catástrofes e a peor herdanza que vai deixar o Goberno central”

Lorenzana: “A falta de investimento na rede eléctrica é unha das maiores catástrofes e a peor herdanza que vai deixar o Goberno central”

Empraza ao Executivo central a investir máis recursos públicos na mellora da rede de transporte de enerxía en España. “A mellor maneira de facer crecer España sería gastando os impostos de todos os españois en reforzar a rede de transporte eléctrico”, di

Avoga por que se modifique a Lei do sector eléctrico para que o reforzo da rede eléctrica se faga en función da demanda industrial

Madrid, 25 de novembro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, considerou hoxe que a falta de investimento na rede de transporte de enerxía en España é “unha das maiores catástrofes e a peor herdanza que vai deixar o Goberno central”.

Así se manifestou durante a súa intervención no Foro España 360, onde avogou por que se modifique a Lei do sector eléctrico para que a rede funcione como un sistema dinámico e o seu reforzo se faga en función da demanda industrial. “A transición enerxética hai que facela de maneira intelixente, sensata e sabendo que proxectos van vir instalarse e que sistema eléctrico necesita España”, abondou.

Segundo expuxo, a nova planificación eléctrica que presentou o Goberno, no caso de Galicia, “solventaría unha parte do investimento industrial previsto se estivese mañá, pero o problema -proseguiu- é que o sistema exixe unhas tramitacións e ata dentro de cinco, seis, sete ou oito anos non imos ver esas subestacións e eses reforzos”.

Neste sentido, a conselleira emprazou ao Goberno a investir máis recursos públicos. “A mellor maneira de facer crecer España sería gastando os impostos de todos os españois en reforzar a rede de transporte eléctrico”, dixo, para recalcar: “Isto exixe unha reforma de calado vinculando o sistema enerxético e o industrial pero no Goberno o Ministerio de Industria vai por un lado e o Ministerio de Transición Ecolóxica vai por outro”.

En Galicia, precisou ao respecto, existe un problema coa rede de transporte para consumo e, tamén, para evacuación, ata o punto de que hai parques eólicos que están parados porque non poden evacuar a enerxía eólica que están producindo. “Reforzouse o aporte de renovables ao sistema pero non toda a rede que ten que soportar esa electrificación dos consumos e da economía”, apuntou. 

Na súa intervención, Lorenzana tamén fixo referencia á necesidade de que desde Europa se simplifiquen máis as tramitacións ambientais dos proxectos e, nesta liña, concluíu asegurando que o reto da Xunta é “que a cidadanía entenda o proxecto económico do Goberno galego” e “que se nos vindeiros anos non conseguimos facer dos nosos recursos naturais unha fonte para nosa industria o crecemento económico vaise ver afectado”, concluíu.

Últimas novas