Lorenzana lembra que as empresas aínda poden sumarse aos acordos de asociación para impulsar grandes proxectos industriais en seguridade, a defensa e o aeroespazo en Galicia

Lorenzana lembra que as empresas aínda poden sumarse aos acordos de asociación para impulsar grandes proxectos industriais en seguridade, a defensa e o aeroespazo en Galicia

O prazo para presentar solicitudes está aberto ata o vindeiro 30 de setembro

A Xunta destinará 40 M€ a estes acordos, unha das principais medidas da Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo (Iesda)

A conselleira salienta que compañías como Centum demostran que en Galicia se pode facer tecnoloxía de primeiro nivel que compite en mercados internacionais

Vigo, 7 de agosto de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, lembrou hoxe en Vigo que as empresas galegas aínda teñen ata o 30 de setembro para participar nos acordos de asociación para desenvolver grandes proxectos industriais de tecnoloxías duais que se fabriquen en Galicia.

Nunha visita ás instalacións da empresa Centum, Lorenzana explicou que estes acordos de asociación constitúen unha das principais medidas que o Goberno galego está a desenvolver no  marco da Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo (iesda) á que a Xunta destinará 40 millóns de euros mediante a fórmula da Compra Publica Precomercial, que permitirá impulsar o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas innovadoras nos ámbitos da seguridade, defensa e o aeroespazo.

A través desta actuación, pioneira en España, a Xunta busca atraer grandes proxectos de innovación e desenvolvemento tecnolóxico; e como novidade, que “estas solucións tecnolóxicas se fabriquen en Galicia” destacou Lorenzana, que recordou que a previsión é chegar a conformar entre dous e 15 consorcios empresariais e aprobar a adxudicación no primeiro semestre de 2027.

Por outra banda, a conselleira referiuse tamén á primeira convocatoria de axudas cun orzamento de 1,5 millóns de euros posta en marcha polo Executivo autonómico para facilitar que as empresas galegas obteñan certificacións como subministradoras para o sector da seguridade e a defensa.

Neste marco, apuntou que se trata de empresas de ámbitos tan diversos como o naval, o metalmecánico, o aeroespacial, o tecnolóxico, o transporte, o mantemento industrial, a automoción, a electricidade e a electrónica, a consultaría, a construción, a enxeñaría ou a fabricación aditiva. Isto, engadiu, demostra o interese da industria galega por diversificarse cara a este mercado.

Durante a visita a Centum, a titular de Economía e Industria puxo en valor a súa traxectoria como exemplo de empresa galega “que ten demostrado que en Galicia se pode facer tecnoloxía de primeiro nivel que compite no mercado internacional,” sinalou. Isto posiciona á Comunidade como referente no sector aeroespacial que “é o obxectivo de fondo da nosa estratexia”, concluíu.

Últimas novas