Villares anima ás empresas a aproveitar as axudas da Xunta para mellorar a sustentabilidade e a seguridade no sector mineiro
O delegado territorial en Lugo visitou en Xove a canteira de Prebetong Áridos, beneficiaria destas achegas na pasada convocatoria, e lembrou que o prazo de solicitudes está aberto ata o próximo luns
Xove (Lugo), 20 de agosto de 2026
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, animou hoxe ás empresas do sector dos recursos naturais a aproveitar as axudas do Goberno galego “para avanzar cara a unha actividade máis sustentable e segura”. Así o fixo durante a visita que realizou á canteira de Prebetong Áridos en Xove, onde lembrou que o prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o próximo 24 de agosto.
Villares destacou que estas achegas, que se outorgan por concorrencia competitiva, permiten ás empresas acometer investimentos orientados a mellorar a protección ambiental, a seguridade e a saúde laboral, reducir a exposición ao po no sector da rocha ornamental, adquirir equipamentos de eficiencia enerxética ou realizar procesos de certificación, entre outras actuacións.
A nova convocatoria, impulsada pola Consellería de Economía e Industria, conta cunha dotación de 2,5 millóns de euros e diríxese a empresas privadas do sector dos recursos naturais que desenvolvan a súa actividade ou conten con algún centro de traballo en Galicia. As axudas oscilan entre os 3.000 e os 150.000 euros.
O delegado territorial lembrou que Prebetong Áridos foi unha das empresas beneficiarias destes apoios na pasada convocatoria, o que lle permitiu ampliar o sistema de pulverización na súa planta para mellorar o control das emisións de po.
Villares puxo en valor este tipo de actuacións como “exemplo tamén do compromiso do sector mineiro coa incorporación de melloras que contribúen a avanzar cara a unha actividade máis sustentable e competitiva, e que achegan maior seguridade aos traballadores” e animou ás empresas a aproveitar os últimos días de prazo para presentar as súas solicitudes.