A Xunta presenta a nova Business Factory Energy, que impulsará a innovación empresarial en enerxía

A Xunta presenta a nova Business Factory Energy, que impulsará a innovación empresarial en enerxía

Nace co obxectivo de identificar e acelerar proxectos innovadores capaces de dar resposta aos desafíos do sector, e ser unha ponte segura entre o talento e a realidade esixente do mercado global

Esta iniciativa dota a Galicia do acelerador definitivo para converter os recursos naturais en intelixencia aplicada, respecto ambiental e riqueza duradeira

Ferrol, 8 de setembro de 2026

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participaron hoxe no CIS Galicia, na presentación da nova Business Factory Energy (BF Energy), que permitirá impulsar a innovación empresarial en enerxía.

Segundo explicou o director, coa nova aceleradora especializada impulsada pola Xunta en colaboración con Asime e Cluergal, “queremos unir a experiencia da nosa industria tradicional coa axilidade mental e dixital das novas startups”. Así, insistiu en que con esta nova Business Factory “buscamos impulsar centos de startups e proxectos innovadores no eido enerxético e consolidar un ecosistema empresarial cada vez máis competitivo”.

Ademais, Fernández Vila destacou o papel estratéxico da transición enerxética como unha das grandes oportunidades de desenvolvemento industrial para Galicia. Nesta liña, sinalou que, a BF Energy nace co obxectivo de identificar e acelerar proxectos innovadores capaces de dar resposta aos desafíos do sector, favorecendo a colaboración entre startups, empresas tractoras, centros tecnolóxicos e o conxunto da cadea de valor da enerxía. “Nace, en definitiva, para ser a ponte segura entre o talento dos nosos emprendedores e emprendedoras e a realidade esixente do mercado global”, subliñou.

A Business Factory Energy forma parte da nova xeración de aceleradoras especializadas impulsadas polo Goberno galego para apoiar o desenvolvemento de proxectos innovadores en sectores estratéxicos, favorecer a creación de novas empresas de base tecnolóxica e reforzar a competitividade do tecido industrial galego. “Con ela, dotamos a Galicia do acelerador definitivo para converter os nosos recursos naturais en intelixencia aplicada, respecto ambiental e riqueza duradeira”, finalizou.

Últimas novas