A Xunta pide unha planificación enerxética que saiba anticipar as necesidades industriais para non agardar anos polas conexións e garantir investimentos

A Xunta pide unha planificación enerxética que saiba anticipar as necesidades industriais para non agardar anos polas conexións e garantir investimentos

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, interveu hoxe nunha mesa redonda na Escola de Verán da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP)

Considera que son necesarios cambios regulamentarios ou administrativos para axilizar o despregamento de renovables sen comprometer o rigor ambiental

“Non podemos estar agardando seis anos pola conexión para un proxecto, e non podemos estar agardando anos pola convocatoria dun concurso para un nó, xa sexa para evacuación ou para demanda”, asegura

Santander, 17 de xullo de 2026

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, defendeu hoxe que a planificación enerxética debe abandonar os modelos ríxidos tradicionais e optar por mecanismos que permitan dar unha resposta áxil ás necesidades da industria e dos propios promotores dos proxectos.

“Non podemos estar agardando seis anos pola conexión para un proxecto, e non podemos estar agardando anos pola convocatoria dun concurso para un nó, xa sexa para evacuación ou para demanda”, manifestou o director xeral nunha mesa redonda celebrada na Escola de Verán da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) co título A enerxía nun mundo incerto. Redes e industria ante os retos globais.

Fernández Vila considerou que son necesarios cambios regulamentarios ou administrativos para axilizar o despregamento de renovables sen comprometer o rigor ambiental. “Precisamos unha maior flexibilización de prazos, non nos podemos ver limitados pola rixidez da planificación da rede de transporte por parte do Goberno central, senón que necesitamos revisións máis frecuentes para garantir a subministración e atraer investimentos”, dixo.

Avogou, así, por unha normativa de simplificación administrativa, de xanela única e de tramitación en paralelo que, segundo afirmou, “deben xogar un papel fundamental”, como xa está ocorrendo en Galicia con figuras como os proxectos industriais estratéxicos para a tramitación pola vía de urxencia.

Que a planificación saiba anticipar os cambios tecnolóxicos que se están dar no sector e as necesidades reais da industria evita as infraestruturas infra ou sobredimensionadas, insistiu, para sinalar as vantaxes de promover o despregamento de redes intelixentes, da xeración distribuída e da integración de renovables.

Segundo dixo, España comparte os retos estruturais da UE para descarbonizar a economía, pero afronta “unha cuestión diferencial crítica”: a saturación extrema dos nós de acceso e un marco retributivo que desincentiva o investimento privado fronte ao de outros países da contorna. “As dificultades e os longos prazos para obter permisos para novas infraestruturas son unha constante en todo o territorio europeo”, abondou.

Neste liña, Fernández Vila concluíu chamando a atención sobre a importancia de facer máis eficiente a rede porque Galicia, xunto con Aragón, Castela e León, Estremadura e Castela-A Mancha “xeran un enorme superávit de enerxía grazas á súa xeografía idónea para parques eólicos e solares pero as súas liñas están ao límite e sofren a maior cantidade de verteduras enerxéticas (enerxía que se xera pero que non se pode inxectar ao sistema)”.

Últimas novas