Lorenzana anima as empresas galegas a sumarse á ampliación de capital de RDG

Lorenzana anima as empresas galegas a sumarse á ampliación de capital de RDG

O que se busca é seguir fortalecendo desde o punto de vista financeiro a sociedade para que teña máis capacidade de seguir investindo en activos enerxéticos, explica

Está previsto que, tras a ampliación, pase dun capital social de 43,6 M€ a outro próximo ou que supere os 100 M€

A Xunta entrará cunha achega en especie das súas participacións en sociedades enerxéticas

Actualmente son 32 as empresas que participan no capital social de RDG

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2026

 A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, animou hoxe as empresas galegas, independentemente do seu tamaño e obxecto social, a sumarse á ampliación de capital que vai desenvolver a sociedade Recursos de Galicia (RDG), coa previsión de que estea aprobada definitivamente a finais de ano.

Acompañada polo conselleiro delegado de RDG, Emilio Bruquetas, Lorenzana mantivo hoxe unha reunión cos clústeres galegos para informarlles dos detalles da operación que, segundo dixo, busca “seguir fortalecendo desde o punto de vista financeiro a sociedade para que teña máis capacidade de seguir investindo” en activos enerxéticos.

RDG xa dispón do parque eólico Mondigo e ten unha participación do 10 por cento na Mina de Doade (Beariz), e está previsto que, tras a ampliación, pase dun capital social de 43,6 millóns de euros a outro próximo ou que supere os 100 millóns de euros, tal e como explicou a conselleira.

Para iso, a Xunta entrará cunha achega en especie das súas participacións en sociedades enerxéticas: entrará directamente o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) coa porcentaxe que posúe en seis parques eólicos (entre o 3 por cento e o 4 por cento). E integrará, tamén, o seu 30,92 por cento de Nedgia Galicia.

Feita esta achega por parte do accionista maioritario que é a Xunta, o que se busca, indicou, é “que sexa o máis aberta posible esta ampliación de capital a todas as empresas galegas, e cremos que os clústeres e as confederacións de empresarios son quen teñen a maior capacidade para chegar  a elas e poder así dar a coñecer como se vai producir esa ampliación de capital”, dixo.

Segundo sinalou, calquera empresa galega, salvo que xestione activos enerxéticos ou mineiros, con independencia do seu tamaño e obxecto social, pode participar nesta operación, “como levamos feito ata o de agora”, apuntou, para sinalar que actualmente son 32 as firmas que participan no capital social de RDG.

“O que queremos é abaratar a enerxía, os custos enerxéticos da industria e da poboación e, tamén, repercutir os beneficios do aproveitamento de todos os recursos naturais na cidadanía e nos habitantes dos concellos do seu arredor”, concluíu.

Últimas novas