A Xunta sitúa como obxectivo da axenda enerxética de Galicia a descarbonización dos principais sectores económicos
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, interveu hoxe na Xornada de Descarbonización industrial e tecnoloxías de captura, transporte, almacenamento e uso do CO²
Salienta que a electrificación da economía exixe unha decidida aposta polas enerxías renovables e polo modelo do autoconsumo para reducir tanto as emisións como o custo da factura eléctrica
Sostén que o almacenamento é o que vai permitir facer fronte á falta de investimento na rede de transporte e distribución, “un dos maiores problemas que temos”, di
A Coruña, 15 de xullo de 2026
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, ratificou hoxe que un dos grandes obxectivos da Axenda Enerxética de Galicia de cara ao 2030 é impulsar a descarbonización dos principais sectores da industria galega.
Fernández Vila interveu hoxe na Xornada de Descarbonización industrial e tecnoloxías de captura, transporte, almacenamento e uso do CO², onde salientou que a electrificación da economía exixe unha decidida aposta polas enerxías renovables e polo modelo do autoconsumo para reducir tanto as emisións como o custo da factura eléctrica.
“No escenario enerxético actual, marcado pola necesidade de descarbonización e a flutuación de custos, a competitividade da nosa industria non depende só do que producimos, senón de como o producimos. A eficiencia enerxética é determinante para garantir a produtividade e a competitividade das nosas empresas”, abondou.
Segundo dixo, é preciso reducir a dependencia enerxética do exterior e iso fai tamén necesario ampliar as infraestruturas e tecnoloxías de almacenamento. “O reto para os próximos anos non é unicamente xerar enerxía limpa, senón aprender a xestionala”, dixo, para apuntar que o almacenamento é o que vai permitir facer fronte á falta de investimento na rede de transporte e distribución, “un dos maiores problemas que temos”, puntualizou.
O director xeral destacou que Galicia ten un potencial renovable “extraordinario”. “Somos unha comunidade autónoma referente en produción renovable, que representa máis do 80 por cento do mix rexional (en concreto, segundo os últimos datos oficiais do Balance Enerxético de Galicia 2024, esa porcentaxe é do 85,2 por cento)”, apuntou.
O reto, engadiu, é “trasladar esa enerxía verde ao corazón das nosas fábricas”. “A industria galega, desde o sector conserveiro, ata a automoción e o naval, debe dar un paso á fronte cara á automatización intelixente, a xestión avanzada da demanda e a substitución de combustibles fósiles por alternativas renovables”, concluíu.