Lorenzana reivindica o apoio á Lei de recursos naturais impulsada da Xunta como mecanismo para abaratar o prezo da luz
Subliña que esta norma, que se votará o vindeiro mes de outubro, prevé instrumentos como a sociedade público-privada Recursos de Galicia, para prover de enerxía máis competitiva a fogares e empresas
Defende que o complemento autonómico do bono social térmico foi aprobado de forma extraordinaria para un contexto de crise enerxética en que o prezo da luz era moi superior
Apunta que o prezo medio da electricidade no mercado diario en marzo de 2022 chegou a acadar os 283,3 €/MWh, en comparación cos 91,11€/MWh deste mes de agosto, ou dos 13,67€/MWh de abril deste mesmo ano
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reivindicou hoxe o apoio á Lei de Lei Promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, que se votará o vindeiro mes de outubro, como mecanismo para poder abaratar o prezo da luz aos galegos e galegas.
Así o propuxo hoxe, en resposta a unha pregunta no Pleno do Parlamento sobre o complemento autonómico do bono social térmico que, segundo dixo, foi aprobado de forma extraordinaria para un contexto de crise enerxética en que o prezo da luz era moi superior.
Lorenzana lembrou que a Lei Promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia prevé instrumentos como a sociedade público-privada Recursos de Galicia, para prover de enerxía máis competitiva a fogares e empresas e abaratarlles, así, a factura da luz.
Segundo indicou, cando a Xunta aprobou o complemento autonómico ao bono social térmico, o prezo medio da electricidade no mercado diario en marzo de 2022 chegou a acadar os 283,3 €/MWh, en comparación cos 91,11€/MWh deste mes de agosto, ou dos 13,67€/MWh de abril deste mesmo ano. O prezo medio da factura da luz baixou desde os 105,31 euros en 2022, ata os 60,34 euros en 2023, e no que vai de 2024, 57,15 euros. As diferenzas con respecto a hai dous anos son superiores aos 500 euros anuais.
Igualmente ocorreu co prezo do gas que, nun ano, desde xaneiro de 2022, subiu un 45 por cento (desde os 0,0486 euros kW/h ata os 0,0704 euros kW/h). E no que vai de 2024 estase a rexistrar un prezo un 16 por cento menor que en 2022 (0,0409 euros kW/h).
Neste contexto, Lorenzana reivindicou que Galicia conta con medidas como o tícket eléctrico, desde 2014. E, posteriormente, desde o 2017, o bono eléctrico galego aprobado por lei. Desde que se puxeron en marcha, sinalou, suman máis de 55.600 (55.688) familias vulnerables beneficiadas por parte da Xunta de Galicia, e máis de 15M€ (15,36M€) en axudas.