Lorenzana subliña o compromiso da Xunta para que todos os galegos se beneficien dos recursos naturais de Galicia tendo acceso a enerxía máis barata
“Temos que conseguir trasladar aos galegos e galegas que o feito de ter un recurso natural próximo, o feito de ter un parque eólico próximo, non é un problema, é un beneficio para a veciñanza porque a electricidade vai ser máis barata”, remarca Lorenzana
Villares pon en valor a suma de esforzos para impulsar e mellorar os portos galegos co fin de facer rendible e sostible a actividade do sector, establecendo sinerxías que permitan afondar os retos de futuro
Cambados (Pontevedra), 19 de setembro de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou hoxe a aposta da Xunta por que todos os galegos se beneficien dos recursos naturais de Galicia tendo acceso a enerxía máis barata. “Temos que conseguir trasladar aos galegos e galegas que o feito de ter un recurso natural próximo, o feito de ter un parque eólico próximo, non é un problema, é un beneficio para a veciñanza porque a electricidade vai ser máis barata”, manifestou.
Lorenzana expresábase así no acto de sinatura do protocolo de colaboración que a Xunta asinou coa sociedade Recursos de Galicia para o desenvolvemento de actuacións que permitan reducir os custos enerxéticos das empresas implantadas nos polígonos industriais e nos portos pesqueiros galegos, no que tamén participou o conselleiro do Mar, Alfonso Villares. “O feito de ter un recurso natural como pode ser unha mina, non é un problema, é un beneficio porque o concello pode participar no proxecto e iso vai repercutir en mellores servizos para os veciños”, abondou a conselleira.
Neste contexto, enxalzou o labor que está a facer a sociedade Recursos de Galicia (RDG) en liña coa política industrial e económica do Goberno galego, dixo, para conseguir unha das metas desta lexislatura que é “abaratar a enerxía de todos os galegos”. “Todos, dun xeito ou doutro, teñen que verse beneficiados da inmensa riqueza natural que temos en Galicia”, subliñou.
Aliñado con ese obxectivo puxo o convenio asinado hoxe. “Podemos dicir despois de meses de traballo, que estamos presentando por primeira vez un proxecto tanxible, público-privado, de colaboración entre o Goberno de Galicia e esta sociedade que creamos cunha finalidade clarísima: temos que traballar en descarbonizar a economía galega e en poñer os servizos e os recursos naturais de Galicia ao servizo dos galegos”, afirmou.
Segundo explicou, os estudos que se van realizar en virtude deste convenio, van permitir que as industriais galegas e todos os portos de Galicia poidan ter no futuro unha enerxía moito máis barata e, pouco a pouco, ir avanzando na descarbonización. En definitiva, dixo Lorenzana, “o que estamos facendo é máis competitiva a nosa industria e os nosos portos”.
Lorenzana mencionou neste punto a Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia que vai aprobar o Parlamento antes de finais de ano, dixo, e que “vai dar moita máis virtualidade” a estes obxectivos. “Vai dar lugar a que, sen dúbida, esta colaboración sexa un éxito e que ao rematar esta lexislatura poidamos dicir que os fogares e as industrias galegas teñen aforrado unha parte importante da súa factura eléctrica e enerxética”, concluíu.
Impulso aos portos
Pola súa banda, o conselleiro do Mar puxo en valor a suma de esforzos e que a través deste convenio se impulsan e melloran os portos galegos, co fin de facer rendible e sostible o sector, establecendo sinerxías que permitan afrontar os retos do futuro como é a descarbonización.
Este acordo supón unha clara aposta pola economía azul e é un exemplo do investimento que está a facer a Xunta de Galicia na mellora e acondicionamento dos portos galegos. Só no de Tragove, o departamento que dirixe Villares investirá nos vindeiros meses 1,7 millóns de euros. As actuacións van destinadas á mellora da lonxa e á renovación do firme, pavimento e luminarias con tecnoloxía LED.