Lorenzana subliña que o 100% da enerxía que xestione RDG vai repercutir en Galicia e anima os promotores eólicos a facer extensivo este programa a toda a comunidade

Lorenzana subliña que o 100% da enerxía que xestione RDG vai repercutir en Galicia e anima os promotores eólicos a facer extensivo este programa a toda a comunidade

“Esta é a esencia desa nova política eólica que estamos defendendo e á que eu espero sumar os distintos responsables políticos, con independencia do seu partido, para que en Galicia poidamos ter un diferencial grazas a que temos tamén un diferencial que é o recurso natural”, di

Ademais do desconto no 80 por cento da factura para os veciños deses municipios que vivan nun radio de 1,8 quilómetros do parque, tamén se está a traballar nun plan industrial que permita reducir a factura ás empresas da contorna

Ribadeo (Lugo), 20 de febreiro de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou hoxe que o cen por cento da enerxía que xestione Recursos de Galicia (RDG) vai repercutir no territorio galego, e animou o resto de promotores eólicos a sumarse a este programa e facelo extensivo a toda a comunidade.

“O cen por cento da enerxía que teña RDG vai repercutir na nosa comunidade autónoma. Esta é a esencia desa nova política eólica que estamos defendendo e á que eu espero sumar os distintos responsables políticos, con independencia do seu partido, para que en Galicia poidamos ter un diferencial grazas a que temos tamén un diferencial que é o recurso natural”, manifestou.

Nesta liña, fixo un chamamento ao resto de promotores eólicos a “copiar” este proxecto que “é o inicio”, dixo, da nova política eólica de Galicia. “RDG está á disposición para continuar participando en máis parques e que isto se poida facer extensivo a toda a comunidade galega”, remarcou.

Lorenzana mantivo hoxe un encontro cos alcaldes dos concellos de Ribadeo, Trabada e Barreiros, que se van beneficiar dunha bonificación no consumo eléctrico grazas á compra por parte de RDG do parque eólico Mondigo. Segundo avanzou, ademais do desconto no 80 por cento da factura para os veciños deses municipios que vivan nun radio de 1,8 quilómetros do parque, tamén se está a traballar nun plan industrial que permita reducir a factura ás empresas da contorna.

A conselleira explicou que se trazou ese radio para que o parque sexa economicamente viable e tratando de coller parroquias ou núcleos de poboación enteiros. Nese sentido, asegurou que se vai traballar da man dos concellos por ser “quen mellor coñecen o territorio” e á hora de aprender o manexo da páxina web. “Que ningún veciño pense que vai quedar fóra por esta razón”, asegurou.

Nas súas declaracións, manifestou estar percibindo “a mellor das vontades” por parte dos tres municipios a colaborar e seguir traballando nos vindeiros meses para implantar este proxecto.

Segundo explicou, a previsión de RDG é que nun prazo de seis meses o desconto poida estar absolutamente operativo. “Imos tentar que sexa en menos”, dixo, “poñémonos a traballar de xeito inmediato”.

Esta bonificación poderase solicitar a través da páxina web rdgmondigo.gal, que está “practicamente preparada para lanzarse”, adiantou. É importante destacar que o dereito a ese desconto xa se ten polo feito de ser residente nese radio próximo ao parque , pero hai que solicitalo nesa web. Aí, ademais dos datos para comprobar que se cumpren os requisitos para ser beneficiario, as persoas solicitantes terán que presentar as 12 últimas facturas.

Ao respecto, Lorenzana explicou que, desde o momento en que se recoñece o dereito, o desconto xa se devenga, con independencia de que logo se teña que negociar desde cada fogar coa comercializadora correspondente. Tamén apuntou que se está adherida ao programa, o desconto farase directamente e, se non, os usuarios poderán acudir á comercializadora de RDG como recurso alternativo para que ninguén quede fóra, concluíu.

Últimas novas