O Bono Enerxía PEME mantén aberto o prazo de solicitude para a mellora enerxética dos establecementos de pequenas e medianas empresas e autónomos

O Bono Enerxía PEME mantén aberto o prazo de solicitude para a mellora enerxética dos establecementos de pequenas e medianas empresas e autónomos

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, estivo esta mañá nas instalacións de Portonovo D3D, unha das beneficiarias deste programa da Xunta de Galicia.

Sanxenxo (Pontevedra), 5 de xuño de 2023 - O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, lembrou esta mañá que continúa aberto -ata o 29 de xuño- o prazo de solicitude do Bono Enerxía Peme, un programa para a mellora enerxética das instalacións de autónomos e pequenas e medianas empresas do sector servizos.

O director estivo esta mañá no concello de Sanxenxo, na clínica de odontoloxía Portonovo D3D, unha das beneficiarias deste programa da Xunta de Galicia. A empresa solicitou unha axuda para a mellora de tres rótulos con tecnoloxía led que permitirá aforros do 61,25 % con respecto ao consumo inicial. Portonovo D3D é un dos preto de 500 solicitantes aos que xa se lle concederon axudas do Bono Enerxía Peme, coas que se están mobilizando ao redor de 3 M€.

A convocatoria, que conta cun orzamento de 4,2 M€, ofrece apoios para mellora da envolvente a través de elementos de control solar como toldos de cor branco ou negro; iluminación, coa renovación de equipos interiores ou exteriores por outros que utilicen tecnoloxía led; a eficiencia enerxética en instalacións eléctricas; equipamentos como a renovación de electrodomésticos ou aparellos por outros de cualificación enerxética B ou superior; climatización ou inmótica, para xestionar a enerxía e o gasto de xeito máis eficiente. Este ano súmanse, ademais, as axudas para asesoramento enerxético.

Os apoios, de concorrencia non competitiva, contan cunha intensidade do 80 % do custo elixible da actuación. Con carácter xeral, a axuda máxima é de 6000 euros por solicitude. Os solicitantes poderán acceder a un anticipo de ata o 50 % sen necesidade da presentación de avais.

Últimas novas